Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación adxudica as obras de construción do Centro de Atención a Maiores de Portomarín por 1,5M€

centro de maiores
Portomarín
A Deputación de Lugo adxudica as obras de construción do Centro de Atención a Maiores de Portomarín por 1,5M€
O Presidente informou logo da Xunta de Goberno que o inicio destes traballos está agora condicionado á obtención de permisos da Xunta e do Concello, polo que “é un bo momento para comprobar o seu verdadeiro grao de compromiso con este proxecto”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou estevenres a adxudicación das obras do Centro de Atención a Maiores de Portomarín por 1,5M€ á empresa Copcisa. Unha adxudicación, explicou o Presidente, condicionada á obtención dos permisos necesarios para os traballos, que dependen do Concello e da Xunta de Galicia. “Esta empresa foi a que presentou unha mellor oferta, reducindo o prazo de execución aos 10 meses, dous menos dos previstos nos pregos de licitación”, sinalou Tomé Roca. 

O Presidente da institución provincial resaltou que “coa adxudicación destas obras seguimos dando pasos adiante para cumprir con todos e cada un dos compromisos adquiridos cos concellos en materia de construción e posta en marcha de centros de atención a maiores”. A día de hoxe, están en funcionamento as residencias de Trabada, Pol e Ribadeo; en febreiro abriu a da Fonsagrada, “antes do verán abrirá previsiblemente a de Castroverde, e estamos traballando para poñer en servizo a de Pedrafita do Cebreiro e logo a de Navia de Suarna, Meira e Ribas de Sil, e tamén para iniciar as obras de construción da de Guitiriz”, explicou Tomé Roca. 

No caso de Portomarín, o inicio das obras só está pendente agora de que o Concello e a Xunta concedan as autorizacións pertinentes, co que “é un bo momento para comprobar o seu grao de compromiso con este proxecto”, subliñou o Presidente.

En materia de centros de atención a maiores, esta Xunta de Goberno tamén acordou resolver o contrato coa empresa adxudicataria das obras de construción do centro da Pobra do Brollón - Prado Lameiro SL- por incumprimento de obrigas contractuais esenciais. A Deputación incáutase da fianza -de 63.700€- e remitirá agora o expediente da resolución contractural ao Consello Consultivo de Galicia para o seu informe.