Cultura
Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle a performance Púlsar, a primeira das actuacións artísticas do Ciclo 'Experimenta'

cultura
Experimenta
Danza
música
audiovisuais
Ciclo 'Experimenta' do grupo Tele-Clube

Os días 24, 25 e 26 de xullo no Pazo de San Marcos, a Deputación promove novidosas propostas artísticas gratuítas con danza, música e audiovisuais, a través do ciclo Experimenta do grupo lucense Tele-Clube, para sumar nova oferta cultural á cidade de Lugo

O mércores 24 de xullo, ás 20:30 horas, a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolle, a perfomance Púlsar’ do coreógrafo e bailarín Javier Martín e o percusionista lucense Luis Casanova no marco do Ciclo Experimenta que promove a Deputación

O Ciclo Experimenta continúa o xoves 25 cun espectáculo de música electrónica e audiovisuais de San Jerónimo e o venres 26 coas as guitarras acústicas de Elle Belga

O vindeiro mércores 24 de xullo terá lugar a primeira das actuacións artísticas do ciclo Experimenta que promove o Goberno da Deputación, en colaboración co grupo Tele-Clube de Lugo. A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acollerá, ás 20:30 horas, a perfomance Púlsar, que ofrecerán o coreógrafo e bailarín coruñés Javier Martín e o percusionista lucense Luis Casanova. Trátase dun espectáculo de improvisación a nivel de música e movemento que combina batería e danza. Ao remate desta actuación haberá un encontro aberto co público asistente. A entrada é de balde ata completar aforo.

O Ciclo Experimenta continuará o xoves 25 de xullo, ás 20:30 horas, con outro espectáculo de música electrónica e audiovisuais da man de María Mieres e Nacho Iglesias do grupo San Jerónimo. Presentarán El Sur, o recente disco desta banda que conta cunha das coleccións de cancións máis emocionantes e reais que escoitamos en moito tempo. Esta proposta artística tamén misturará retazos poéticos dunha poeta lucense.

Esta novidosa iniciativa cultural rematará o venres 26, nos xardíns da Deputación, coa actuación, ás 20:30, de Elle Belga (Slowcore), do que forman parte Fany Álvarez e José Luis García, unha combinación de murmurio, guitarras acústicas e percusión. O seu último proxecto, Refuxio, feito a base rítmica e a melodía, segue sendo o alicerce da súa composición. A través de sons inquietantes e letras dunha serenidade conmovedora, penétranse nun repouso ficticio e bastante perturbador.

Con este pioneiro programa cultural, a Deputación contribúe a sumar novas ofertas culturais á cidade, a través de propostas que quedan fora do circuíto actual pola singularidade das pezas ou polas novidades que conlevan.

Un dos obxectivos do ciclo Experimenta é dinamizar a relación entre as persoas a través do encontro entre as diferentes artes impulsando a participación social. Esta iniciativa nace a través do grupo lucense Tele-Clube, unha asociación que pretende revitalizar os barrios e zonas periféricas a través de actuacións musicais e outras actividades culturais.

 

Programa