A presente convocatoria inclúese dentro do Plan integral Desenvolvendo o Rural. Estas bases teñen por obxecto establecer o procedemento de concesión, en concorrencia competitiva, de premios a iniciativas empresariais en territorios rurais da provincia de Lugo.
A finalidade dos premios é a de impulsar iniciativas empresariais; favorecer proxectos novos, excelentes, orixinais e innovadores que promovan fixar poboación; a economía e o emprego no territorio rural; que incorporen novos modelos de xestión, produtos, sistemas ou servizos que contribúan á xeración de riqueza e calidade de vida na provincia de Lugo.
Poderán participar nesta convocatoria os/as emprendedores/as cunha idea ou proxecto de actividade válidos e viables (quedará acreditado na memoria descritiva da actividade) para poñelos en marcha en calquera dos municipios da provincia, agás Lugo.
Os destinatarios dos premios non terán limitación en canto a idade, debendo cumprir os seguintes requisitos:
A actividade mercantil poderá realizarse en calquera modalidade legal; empresarios/as individuais, sociedades civís; comunidades de bens ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.
Os requisitos e condicións para ser beneficiarios deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Deberá manterse a actividade durante un período mínimo de 2 anos, agás cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal se terá que demostrar de forma fidedigna. O responsable do premio é o solicitante, independentemente da fórmula xurídica elixida para materializar a iniciativa empresarial.
Co fin de incentivar a utilización de medios electrónicos e no marco dos principios da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, as solicitudes de adhesión presentaranse de maneira telemática na sede electrónica da Deputación: http://sede.deputacionlugo.org.
Dende a sede poderase acceder ao Taboleiro electrónico da Deputación para consultar as listaxes e a última información relativa ao programa Emprendendo no rural