Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación preside a constitución do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da institución provincial, conformado por María Emilia Casas, Edgar Cloos e Félix Mondelo

TARCLU
DEPUTACION
“O TARCLU empeza o seu labor nas mellores mans, cun panel de luxo”, asegurou José Tomé. “Contamos con expertos recoñecidos e valorados, que garanten a excelencia e o rigor no funcionamento e nas resolucións do tribunal, os obxectivos que buscamos con este órgano e os que sempre guían a nosa acción política á fronte desta institución”

A Deputación, acolléndose á Lei de Contratos do Sector Público, creou o TARCLU para coñecer e resolver, “cunha maior axilidade e eficacia”, os recursos especiais en materia de contratación da propia administración e tamén dos concellos da provincia que decidan voluntariamente facer uso deste servizo que pon á súa disposición

“Poñendo en marcha este Tribunal, que comeza xa a súa actividade, o que facemos é avanzar cara unha administración provincial máis áxil, eficaz, transparente e útil para os veciños e veciñas, que é polo que traballamos cada día dende este Goberno”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos o acto de constitución do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo (TARCLU), conformado por María Emilia Casas, como presidenta; Edgar Cloos, vogal; e Félix Mondelo, secretario, aos que o mandatario provincial trasladou o seu agradecemento “no plano institucional e persoal” por aceptar a súa proposta de integrar este novo órgano colexiado.

O acto contou coa presenza do Vicepresidente da institución, Efrén Castro Caloto; da Voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; e do Secretario Xeral da Deputación, José Antonio Mourelle Cillero.

José Tomé lembrou que a Deputación decidiu crear o TARCLU, acolléndose á Lei de Contratos do Sector Público, no seu artigo 46, apartado 4, coa finalidade de coñecer e resolver, “cunha maior axilidade e eficacia”, os recursos especiais en materia de contratación da propia Deputación e tamén dos concellos da provincia que decidan voluntariamente facer uso deste servizo que pon á súa disposición.

Aceptando esta responsabilidade, asegurou, María Emilia Casas, Edgar Cloos e Félix Mondelo “comprométense a prestarlle un servizo valiosísimo aos veciños e veciñas da provincia de Lugo, e demostran, unha vez máis, a súa total vontade de servizo público e o seu fondo compromiso coa súa terra, coa provincia de Lugo”.

O TARCLU, subliñou, “empeza o seu labor nas mellores mans, cun panel de luxo”. “Contamos con expertos coñecidos e valorados pola sociedade, que garanten a excelencia, o rigor e a independencia no funcionamento e nas resolucións do Tribunal, os obxectivos nos que pensamos cando decidimos crear este novo órgano colexiado, e os que guían sempre a nosa acción política á fronte desta institución: seriedade, rigor, transparencia e o principio de seguridade xurídica na xestión pública”.

“Estamos ante profesionais con brillantes e dilatadas traxectorias, que exercen ou exerceron a práctica xurídica en distintos ámbitos e que teñen o respecto e o recoñecemento da cidadanía, dentro e fóra da súa profesión, e dentro e fóra da nosa provincia”, recalcou o Presidente, para quen “a súa presenza é determinante para cumprir co obxectivo que nos marcamos cando decidimos crear este órgano especializado e independente, que é resolver con maior axilidade, con maior eficacia, e con todas as garantías xurídicas, os recursos especiais en materia de contratos, dos que ata o de agora se ocupaba o TACGAL, o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia”.

“Gañar axilidade e eficacia nestes procedementos beneficia á propia Administración, pero tamén será positivo para as empresas que contratan con entidades públicas e, en definitiva, para os veciños e veciñas que se benefician dos servizos e das obras contratadas”, afirmou José Tome.

Polo tanto, argumentou, poñendo en marcha o TARCLU, que comeza xa a súa actividade, “o que facemos é avanzar cara unha Administración provincial máis áxil, máis eficaz, máis transparente e máis útil para os veciños e veciñas, que é polo que traballamos, cada día, dende este Goberno provincial”. “Traballar pola provincia de Lugo é para min un orgullo e unha responsabilidade. Facelo nesta compaña é un verdadeiro privilexio”, aseverou o Presidente da Deputación.

Un panel de luxo
María Emilia Casas, Presidenta do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo, foi Presidenta do Tribunal Constitucional, a primeira muller que acadou este posto no noso país; e tamén a primeira muller que obtivo en España unha Cátedra de Dereito do Traballo e Seguridade Social. Pioneira, xurista de prestixio, experta en relacións laborais, impulsora da loita contra a discriminación e a favor da igualdade. Doutora Honoris Causa por diversas universidades, Conselleira Electa do Consello de Estado, e recibiu importantes condecoracións, entre as que destacan o Premio Pelayo para Xuristas de Recoñecido Prestixio ou a Gran Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort. María Emilia Casas é, ademais, licenciada en Filosofía e Letras, o que, sen dúbida, lle dá ás súas actuacións o perfil humanista e de contacto coa sociedade que as caracteriza.Edgar Cloos, Vogal do TARCLU, foi Presidente da Audiencia Provincial de Lugo tras unha longa traxectoria profesional, que arrancou despois de licenciarse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Obtivo a praza de xuíz por oposición libre en 1986. Iniciou a súa traxectoria profesional en Cataluña, concretamente nos xulgados de Granollers, para logo regresar a Galicia como xuíz con praza en Cambados, onde estivo ata 1999. Foi un dos pioneiros á hora de ditar sentenzas en lingua galega, motivo polo que recibiu unha homenaxe xunto con outros compañeiros no 2018 por parte da Irmandade Xurídica Galega. Xa en Lugo, exerceu primeiro nos xulgados da capital e posteriormente na Audiencia Provincial, onde dirixiu a sección segunda para logo ser o Presidente ata xubilarse, fai pouco máis de un ano, en marzo de 2023.

Félix Mondelo, Secretario do TARCLU, tras licenciarse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce a profesión desde o ano 1981, desempeñando durante estes anos a asesoría xurídica de diversas empresas e entidades. En decembro de 2010 resultou elixido Decano do Colexio de Avogados de Lugo, e en xuño de 2017 tomou posesión do seu cargo como Presidente do Consello da Avogacía Galega. No ano 2022 recibiu a Condecoración de Ouro polos 40 anos de exercicio da profesión por parte do Ilustrísimo Colexio de Avogados de Lugo. En xaneiro de 2023 contou coa confianza de todos os letrados da provincia para continuar ó mando do Colexio de Avogados de Lugo. 

Previsto na Lei e sen novos custes para a Deputación
A creación dun Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais de carácter provincial está prevista no apartado 4 do artigo 46 da Lei de Contratos do Sector Público. Polo tanto, é unha potestade da Deputación, coa que, ademais, reforza a función esencial da institución, como é a cooperación cos concellos.

O funcionamento do Tribunal non vai supoñer novos custes para a Deputación de Lugo, pois os seus integrantes non cobrarán un soldo. Tan só percibirán unha dieta por cada día que se reúnan para cubrir gastos. Ademais, o persoal de apoio que precisen será da propia Deputación para optimizar recursos.