Deputación de Lugo
Infraestruturas
Turismo

A Deputación investirá máis de 200.000€ para mellorar dúas estradas provinciais ao seu paso por Sarria e Vilalba

infraestruturas
turismo
A Xunta de Goberno acordou este venres licitar obras na LU-P-5713, que une Sarria con Piñeira, cun orzamento de máis de 113.000€; e ao paso polo municipio vilalbés a LU-P-6516, que conecta Piño con Rilleira polo Outeiro, con 91.000€

Adxudicado o contrato para o desenvolvemento das viaxes gratuítas do programa Coñece a túa provincia a Agrupación de Transportes de Viajeros S.A. por 434.000€

García Porto: “En apenas 3 horas dende a apertura do Rexistro, xa se recibiran máis solicitudes para participar no Coñece a túa provincia que prazas temos dispoñibles. É un programa que funciona, que cumpre os obxectivos e que lle gusta moito á xente”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación de dúas novas obras en estradas provinciais, neste caso ao seu paso polos concellos de Sarria e de Vilalba cun investimento conxunto de máis de 200.000€. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen concretou que este paso adiante responde á liña de traballo do Executivo, “que ten como un dos obxectivos prioritarios mellor a mobilidade no conxunto da provincia”. 

No caso de  Sarria, a Deputación vai mellorar a LU-P-5713, que une Sarria con Piñeira, cun orzamento de máis de 113.000€. Vanse arranxar os dous primeiros quilómetros dende o inicio da vía, cun prazo de execución de 3 meses. No caso de Vilalba, a institución renovará a LU-P-6516, que une Piño con Rilleira polo Outeiro, entre os quilómetros 0 e 4,3, cun orzamento de licitación de preto de 91.000€. O prazo de execución é de 2 meses. Nos dous casos, as obras consisten na reapertura de cunetas, a limpeza da drenaxe, a pavimentación e a sinalización vertical. 

O Coñece a túa provincia bate récords
Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse a adxudicación do contrato para o desenvolvemento das viaxes gratuítas do programa Coñece a túa provincia á empresa Agrupación de Transportes de Viajeros S.A. por 434.000€. O contrato ten vixencia ata o 31 de decembro de 2025, con opción a tres prórrogas anuais. 

A Deputación puxo en marcha este programa co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade na provincia e  favorecer a actividade económica no sector turístico, no comercio e na hostalería.

Precisamente, onte mesmo abriuse o prazo para que as entidades asociativas da provincia solicitasen participar nesta edición e xa se esgotaron as prazas”, avanzou a Voceira socialista do Goberno. 

García Porto salientou que “en apenas 3 horas dende a apertura do Rexistro, xa se rexistraran máis solicitudes que as 1.840 prazas dispoñibles, e hoxe mesmo, un día despois da apertura, un total de 212 asociacións presentaron a súa solicitude. Un dato que nos evidencia que é un programa que funciona, que cumpre os obxectivos e que lle gusta moito á xente”. 

“Reeditamos, polo tanto, o Coñece a túa Provincia, que desde a súa creación hai xa tres anos tivo unha gran acollida e supón un revulsivo importante para a actividade social e económica da nosa provincia a través da promoción do territorio. Desde setembro do 2021, máis de 8.000 participantes de 358 asociacións xeraron un retorno económico estimado de máis de medio millón de euros”.

Aproveitando este asunto, a Deputada pediulle ao Partido Popular que “rectifique e que pida desculpas públicas por todas as mentiras e infamias que verteu contra esta institución e contra os seus empregados públicos en relación co proceso de contratación do programa Coñece a túa Provincia”. “Facendo gala das súas malas artes e indignidade política, o Partido Popular chegounos a acusar de manipular o proceso de adxudicación deste contrato para comprar  vontades, cuestionando, polo tanto, o bo facer, o traballo xurídico e de fiscalización dos traballadores desta casa, ademais da súa imparcialidade absoluta”, apuntou.

O PP, lembrou, “tamén chegou a facer sinalamentos de persoas que non pensan coma eles, de empresas que non son do seu gusto, e que por iso atacan e descualifican, como se non tiveran dereito a traballar, nin a vivir.  Acusacións moi graves, sen ningún tipo de veracidade, que o Partido Popular soltou alegremente nunha nota de prensa. Esta é a forma de actuar do PP”. García Porto foi firme e sinalou que é tempo de dicir “basta xa a esta maneira de facer política, ruín e sucia, e apostar claramente por unha rexeneración democrática, que cada vez é máis urxente”.

Contratos e vendas de parcelas industriais
A Xunta de Goberno acordou este venres adxudicar o contrato para o subministro de material de oficina para os distintos servizos da Deputación de Lugo á empresa Ramón Besteiro Hermida por un importe de 43.500€. O contrato ten unha duración dun ano con posibilidade de tres prórrogas anuais. 

Tamén lle deu o visto bo á adxudicación directa dunha parcela do polígono industrial A Gándara de Friol. Trátase da parcela número 15, que adquire a empresa DFJ Salvi Industry S.L. por 33.412€. Desta forma, a día de hoxe, no polígono de Friol están vendidas 28 parcelas, das 55 existentes. Quedan libres 27.  

Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Finalmente, na Xunta de Goberno quedou aprobado o último trámite administrativo para o pago de catro subvencións, por un importe conxunto de 24.000€, a outras tantas entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. A Asociación de Veciños Ponte Soldón, de Quiroga, recibe 6.000€ para o arranxo da área recreativa; a Asociación de Veciños de Santa Mariña de Sequeiros, tamén de Quiroga, recibe 6.000€ para a segunda fase de arranxo dun camiño; a Asociación de Bendilló, igualmente no concello quirogués, percibe 6.000€ para obras menores na planta primeira do Centro Sociocultural; e a Asociación de Veciños de Vilamayor, en Monterroso, percibe 5.695€ para  a reforma do local coa instalación dun aseo adaptado.  

O obxectivo da Deputación con este programa e apoiar aos colectivos para que poidan acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no día a día dos veciños, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais.