Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Rivera Capón defende en Sober que o rural non ten futuro sen servizos públicos como colexios e centros de saúde

Sober
cesuga
O Deputado de Promoción Económica e Social participou este xoves no foro O encontro de Sober: diálogos rural-industria que se celebra entre hoxe e mañá no Palacio soberino organizado polo Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA)

O Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera, participou este xoves no foro económico O encontro de Sober: diálogos rural-industria que se celebra entre hoxe e mañá na áurea do Palacio soberino, organizado polo Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA).  Un espazo creado para fomentar o diálogo e a cooperación entre o tecido industrial e agrario, o mundo universitario e o sector público galego. 

Rivera Capón defendeu a importancia de manter no rural servizos públicos como colexios e centros de saúde para asentar poboación no rural. “Afrontamos desafíos que requiren unha visión política comprometida para impulsar un desenvolvemento sostible do noso territorio, o noso rural está cheo de oportunidades e temos que apostar por iso dende as administracións públicas”, aseverou. 

“Dende a Deputación reivindicamos a potencialidade do rural como fonte de produtos de calidade e como soporte dunha oferta turística sostible ligada ao coidado do medio ambiente, como parte indisoluble do patrimonio cultural, do Camiño de Santiago ou como plató de cine e de series de sona. Pero un rural vivo os 365 días do ano require servizos públicos de calidade os 365 días do ano, e ese é un compromiso que as administracións non podemos esquecer”, afirmou o Deputado, quen tamén puxo o foco na importancia das vías de comunicación, a conexión a internet ou a creación de emprego.