Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Ruta Castrexa reunirá a moteiras e moteiros de todo o Estado, que percorrerán as comarcas do Sur de Lugo o 11 de maio

RUTA CASTREXA
EFRÉN CASTRO
Deportes
PABLO RIVERA
A marcha, organizada pola Asociación Motorista Lucense, puntúa para a Copa de España de Mototurismo

Moteiras e moteiros  de todo o estado participarán este sábado -11 de maio – na Ruta Castrexa, unha proba de mototurismo organizada pola Asociación Motorista Lucense coa colaboración das áreas de Deportes e Turismo da Deputación de Lugo.

Na proba, que puntúa para a Copa de España de Mototurismo, as moteiras e moteiros teñen que completar un percorrido de 336 quilómetros polas comarcas da Ulloa, Terras de Lemos e Ribeira Sacra. Os participantes poden escoller o itinerario máis axeitado as súas características de condución, pasando polos controis de paso indicados pola organización nos que teñen que parar e selar os seus pasaportes de ruta: Ventas de Narón (Portomarín), Palas de Rei, Antas de Ulla, Limiñón (Chantada), Ribas de Sil, Augas Santas (Pantón), Becerreá e Lugo, que será punto de saída e chegada.

Na presentación da proba, esta mañá na Praza de San  Marcos, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro valorou “o traballo realizado pola Asociación Motorista Lucense para a consolidación desta proba, que apoiamos desde a súa posta en marcha hai catro anos” e destacou “as sinerxias entre deporte e turismo, especialmente en modalidades como o mototurismo, unha disciplina en auxe que, con esta proba, proxecta o patrimonio natural e cultural das comarcas do sur de Lugo a través da experiencia de moteiras e moteiros de todo o Estado”.

No acto tamén participaron os representantes da entidade organizadora, Aurelio Nóvoa e Mónica Lopez, e o deputado de Promoción Económica e Social Pablo Rivera.