Deputación de Lugo
Formación

A Deputación acolle a exposición da campaña 1000 e 1 Abellas, esenciais para a vida, que arranca hoxe en Lugo

A institución provincial colabora neste proxecto educativo, formativo e ambiental, que percorrerá as catro provincias galegas, para abordar a importancia dos polinizadores para a vida no planeta, a agricultura e a biodiversidade

A mostra consta de 14 paneis informativos e educativos, e un espazo apícola formado por unha colmea antiga e outra moderna, ferramentas apícolas e un xardín con abellas e coas partes do traxe dun apicultor, así como unha mostra de meles de diferentes procedencias

A Deputación de Lugo acolle a exposición da campaña 1000 e 1 Abellas, esenciais para a vida, que estará exposta desde a tarde deste martes, día 30 de abril, ata o 12 de maio, na planta baixa do Pazo de San Marcos. 

A mostra é a primeira actividade que se desenvolve no marco deste proxecto de educación e formación ambiental sobre a importancia dos polinizadores para a vida no planeta, a agricultura e a biodiversidade. A iniciativa, que arranca hoxe en Lugo e percorrerá as catro provincias galegas, está impulsada pola Fundación Osíxeno e El País del Abeyeiro, e conta coa colaboración da Deputación de Lugo e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. 

A mostra, que consta de 14 paneis informativos e educativos, estará dividida en dúas partes. Por un lado, exponse a orixe, situación actual, beneficios e prexuízos, problemas xerados, e por outro, a búsqueda de alternativas, cambios dos nosos hábitos de consumo, o fomento da educación, da formación e da investigación para coidar as abellas e os polinizadores. A exposición terá ademais un espazo apícola formado por unha colmea antiga e outra moderna, ferramentas apícolas e un xardín con abellas e coas partes do traxe dun apicultor, así como unha mostra de meles de diferentes procedencias. Ao redor da exposición organizaranse cinco obradoiros e visitas guiadas a particulares, escolares e asociacións. 

A campaña 1000 e 1 Abellas, esenciais para a vida pretende sensibilizar e formar á sociedade sobre  a importancia das abellas na vida do planeta a través de diferentes actividades de forma creativa e adaptada ao público xeral. Abordarase a función destes polinizadores imprescindible para o ser humán e para o resto das especies, dende o punto de vista da agricultura, a biodiversidade e a paisaxe. Tamén as principais ameazas e os motivos polos que se están a reducir alarmantemente as poboacións de insectos polinizadores silvestres, e das abellas domésticas debido a agricultura industrial e o uso excesivo de pesticidas e monocultivos, parásitos, enfermidades e especies invasoras, así como incendios, a contaminación e a urbanización desmesurada e o cambio climático. 


No mundo hai máis de 20.000 especies de abellas, 1.000 na península Ibérica. A especie máis coñecida é a abella da mel(Apis mellifera), coa que convivimos dende tempos ancestrais, sabendo aproveitar non só o servizo de polinización gratuíto de campos e cultivos, senón que ademais produce rica mel e outros produtos de gran valor e con diferentes usos, sendo tamén un aporte para a economía familiar e rural. 

Actividades e calendario

A campaña 1000 e 1 abellas, esenciais para a vida percorrerá as catro provincias galegas nos vindeiros meses. A de Lugo abre o calendario de actividades, que comezan este martes 30 de abril e prolongaranse ata o 12 de maio. As actividades, datas e horarios son as seguintes: 

- Exposición 1.000 e 1 abellas, esenciais para a vida, do 30 de abril ao 16 de maio
Horario. De luns a venres: De 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas. Sábados: De 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h.  A exposición contará con obradoiros educativos e visitas guiadas en torno á exposición.

- Curso sobre Apicultura Sostible, venres 21 e sábado 22 de maio, e domingo 23 de xuño
A acción formativa terá lugar no Ecomuseo El País del Abeyeiro,en Pena de Nogueira. Abordarase a apicultura artesanal, polinizadores, produtos e biodiversidade. 

- Presentación da Guía e Xardín de polinizadores, de Fernando Fueyo, o sábado 22 de xuño
- Hora. 19.30h. Ecomuseo El País del Abeyeiro. Creación dun novo espazo para abordar a educación e investigación ambiental.

- Xornadas apícolas 

As xornadas, que tratarán sobre as experiencias inspiradoras, I+D e emprendemento, pódense seguir en calquera momento na canle de Youtube de El País del Abeyeiro e da Fundación Osíxeno. 

Todas as actividades son gratuitas pero precisan de inscrición previa. Os interesados poden anotarse ben a través do teléfono 900264326 ou no correo electrónico abejas@fundacionoxigeno.org