Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aproba novos investimentos por 210.000€ para a mellora de tres estradas en Chantada e no Saviñao

Rede provincial de estradas
A Xunta de Goberno acordou licitar o acondicionamento no concello chantadino da LU-P-1803, de Camporramiro a Castro de Carballedo por Vilaúxe, e da LU-P-1818, que une Xedive e Vilaúxe; e, no municipio saviñao, a LU-P-5810, que conecta a estrada provincial que vai de Rebondiego a Morgade con Eirexafeita

Adxudicada unha parcela no polígono chantadino dos Acivros, onde, das 49 existentes, 38 están vendidas e hai solicitudes rexistradas para as 11 que restan

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres novos investimentos por 210.000€ para obras de acondicionamento de tres estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Chantada e do Saviñao, seguindo “na liña de mellorar a mobilidade no conxunto da provincia como un dos nosos obxectivos prioritarios”, explicou a Voceira socialista do Executivo, Pilar García Porto.

No caso de Chantada, a Xunta de Goberno acordou licitar a mellor de dúas vías provinciais cun orzamento de preto de 117.000€. Trátase da LU-P-1803, que une Camporramiro  con Castro de Carballedo por Vilaúxe, entre os quilómetros 1,3 e 4,2; e da LU-P-1818, que conecta os núcleos de Xedive e Vilaúxe. Nos dous casos, as obras consisten na reapertura de cunetas, a limpeza da drenaxe, a reparación do firme, a pavimentación e a sinalización vertical.  O prazo de execución é de 2 meses.

E canto ao concello do Saviñao, a Deputación actuará na estrada LU-P-5810, que conecta a estrada provincial LU-P-5804 (de Rebondiego a Morgade) con Eirexafeita por Cazón. Así, aprobou licitar un proxecto valorado en 90.000€ para acometer a reapertura de cunetas, a reparación do firme e a pavimentación nos 6,8 primeiros quilómetros da estrada. O prazo de execución é tamén de 2 meses.  

Polígono industrial de Chantada

Por outra banda, na Xunta de Goberno desta mañá saíu adiante a adxudicación directa da parcela número 20 do polígono industrial dos Acivros, en Chantada, á empresa Airas Moniz por 45.560€.

Desta forma, explicou a Voceira socialista do Goberno, na parque empresarial chantadino, das 49 parcelas existentes, están vendidas 38 e hai solicitudes rexistradas para as 11 que restan.

Ademais, a Xunta de Goberno acordou hoxe licitar o alugueiro de cabinas sanitarias autónomas móbiles, totalmente accesibles, xunto co seu mantemento e limpeza diarias, para a súa instalación no entorno dos paseos de Ombreiro, Rato e Paradai, no concello de Lugo. O importe deste contrato é de 96.000€ e a súa duración, de 4 anos.
Tamén en materia de contratación, aprobouse a adxudicación dun contrato para a subministración de material eléctrico para o servizo de mantemento da Deputación por un importe de 30.250€ á empresa Sonepar Spain, S.A.U. O período é dun ano, con opción de facer dúas prórrogas máis de un ano cada unha. 

Axudas ao rural

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou hoxe o último trámite administrativo para o pago dunha subvención por un importe de 6.000€ ao colectivo Monte Veciñal en Man Común Vilademouros, do Incio, que resultou beneficiario do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios que impulsa a Deputación. A axuda económica estivo destinada á reparación e ao equipamento do centro social de Vilademouros. 

Co Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, a institución provincial colabora economicamente con entidades asociativas -como agrupacións veciñais, comunidades de augas e de montes, e asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais-, para acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no seu día a día, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais. “Estamos contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e, desta forma, a fixar poboación no noso rural”, destacou García Porto.