Deputación de Lugo

A Deputación acolle a presentación dos Milagrosistas do Ano 2024, que se entregarán nunha gala o 26 de abril

Milagrosa
milagrosistas do ano
O Presidente, José Tomé Roca, subliñou que a institución colabora cos premios dentro do seu compromiso cun movemento veciñal “activo, reivindicativo e atento, o termómetro que mide a calidade da democracia e que sinala o camiño da convivencia”

Na presentación da nova edición dos galardóns, celebrada na Sala de Xuntas, participou o concelleiro de Transición Ecolóxica de Lugo e Deputado provincial Miguel Fernández, e o presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, xunto a integrantes deste colectivo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Concelleiro de Transición Ecolóxica de Lugo e Deputado provincial de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, o presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, e integrantes deste colectivo veciñal, participou no acto de presentación dos premios Milagrosistas do Ano 2024, que acolleu este venres a institución provincial na Sala de Xuntas. A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro venres 26 de abril, no restaurante Manuel Manuel da  capital lucense.

“Estes premios xa superan as tres décadas de existencia e están consolidados como unha auténtica tradición na cidade de Lugo e na provincia para recoñecer o traballo e o compromiso social de persoas, entidades e empresas”, valorou o Presidente, quen felicitou á Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa “por manter viva e fortalecer ano tras ano este evento, e tamén por toda a actividade que desenvolven en defensa do seu barrio”.

Destacou José Tomé a importancia dunha “sociedade civil activa, reivindicativa e atenta”, que é, dixo, “o termómetro que mide a calidade da democracia e que sinala o camiño da convivencia”. “Por iso, na Deputación de Lugo temos sempre a man tendida á cooperación co movemento veciñal da provincia, como facemos coa Asociación de Veciños da Milagrosa, tanto para organizar os Milagrosistas, como para outras iniciativas, como pode ser a Feira de Produtos do Campo e Artesanía”, engadiu.

O Presidente felicitou a todas as persoas premiadas nesta edición dos galardóns. Son as seguintes: Emilio Álvarez Gómez, veciño da Milagrosa; Cintia Fogueira Cobos, investigadora postdoctoral; Juan José Fernández Arrojo, Subdelegado de Defensa de Lugo; Eva Real Devesa, policía local; Sonia Verdes Gil, directora de la Granxa Gayoso Castro; Susana Vázquez Mariño, xuíza; Manuel Touceda Souto, coronel xefe de la Comandancia de la Garda Civil de Lugo; Francisco Javier Carballada González, médico especialista en alergoloxía; Esteban Patiño Alves, director Centro Comercial As Termas; José Conde Vales, xefe de Cirurxía do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA); Carmela López Moreno, Alcaldesa de Burela e Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas; Valentín González Formoso; Presidente da Deputación Provincial da Coruña; Eusebio Sánchez Álvarez, xefe de produción en Puleva Food, S.L; Moisés Muñiz García, xefe da Brigada Provincial de Policía Xudicial de Lugo; José Manuel Rigueiro Veloso, director de Zona Centro ABANCA Lugo; Noemí Fraga Corredoira, directora del Servicio Provincial de Muface de Lugo; Manuel Buján Peón, Asociación Senatus Lucus Augusti; Antonio López Díaz, reitor de la Universidad de Santiago de Compostela; Pilar Ferreiro Martínez, xefa do Servizo de Recursos Humanos da Deputación Provincial de Lugo; Olga López Racamonde, titular de la Concellería de Benestar Social e Maiores.

Pola súa parte, Miguel Fernández destacou a importancia destes galardóns para un barrio con identidade propia. “Cando chegan estas datas, grazas á perseverancia dos organizadores, todos temos en Lugo sinalada esta cita como un evento ineludible. A importancia destes premios radica no valor que ten para a nosa sociedade o labor que as persoas galardoadas desenvolven en distintos ámbitos da vida. Pero ademais esta distinción contribúe a divulgar a identidade do barrio da Milagrosa. Un tesouro cultural que define unha parte fundamental da nosa cidade e que desde o Goberno local apostamos por conservar e dinamizar con iniciativas que van desde o eido urbanístico ao ámbito social”, sinalou Fernández.