Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo estrea o programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia

Coñece a túa Provincia
turismo
Máis de 1.200 persoas beneficiaranse ata o 10 de novembro desta nova iniciativa que promove a institución dentro do Plan de Impulso da Economía para contribuír á recuperación do turismo, a hostalería e o comercio local fronte ao impacto da pandemia

Os itinerarios deseñados percorren o patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico da provincia de Lugo

O Presidente subliña que a gran acollida do programa, con 143 solicitudes para 62 viaxes dispoñibles, “demostra que acertamos na proposta e que debe ter continuidade para seguir consolidando o noso modelo de turismo: de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, sobre todo no rural”

A Deputación de Lugo estreou este martes o programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, do que, nesta primeira tempada, se beneficiarán máis de 1.200 persoas de 62 asociacións e colectivos lucenses ata o vindeiro 10 de novembro. 

As primeiras entidades beneficiarias, a Asociación de Veciños de Ombreiro Río Miño e a Asociación Carpe Diem de Lugo, coñeceron a costa de Barreiros e Ribadeo, e os concellos de Lourenzá e Mondoñedo, respectivamente. As actividades inclúen tamén unha visita a instalacións provinciais que se converten en puntos de partida das viaxes. Na primeira xornada, as asociacións coñeceron a historia do Pazo de San Marcos e o funcionamento da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei. 

O Presidente recibiu no Salón de Actos á primeira asociación que visitou a sede da institución provincial, onde destacou a gran acollida do Coñece a túa Provincia, que recibiu 143 solicitudes para 62 viaxes dispoñibles, unha alta demanda que “demostra que acertamos con esta proposta e que debe ter continuidade”.

Neste sentido, José Tomé lembrou que Coñece a túa provincia é unha das medidas do Plan de Impulso da Economía da Provincia que ten en marcha a institución, froito do compromiso do Goberno de “axudar na recuperación dos sectores máis afectados polo impacto da pandemia, como son o turismo, a hostalería e o comercio local”. Sen embargo, esta iniciativa naceu tamén cun obxectivo máis a longo prazo, “para seguir consolidando o modelo de turismo polo que apostamos, un turismo de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, sobre todo no rural”.

 As viaxes realizaranse dende este martes, 14 de setembro, ata o 10 de novembro en días laborables. Os itinerarios deseñados percorren o patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico da provincia de Lugo. A primeira parada realizarase sempre nun espazo de titularidade provincial, como pode ser o Pazo de San Marcos, o Centro de Produción Audiovisual, a Granxa Gayoso Castro, o Centro de Interpretación Terras do Miño ou o Mazo de Santa Comba.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

As viaxes terán lugar sempre cumprindo coas medidas de prevención da Covid-19 decretadas polas autoridades sanitarias en cada momento.

Esta semana complétase cos percorridos. O mércores, Amuraxe, visitará o Concello de Sober e fará unha viaxe no catamarán polo Canón do Sil, e o Centro Recreativo Cultural e Deportivo de Baamonde, coñecerá os concellos de Chantada e O Saviñao; a Asociación Cultural Aquilino Iglesias Alvariño e a Asociación de Veciños de Coeses Agro Maior realizarán as viaxes o xoves, achegándose aos concellos e os monumentos de Paradela e Portomarín e o Piornedo e Navia de Suarna, respectivamente, e o venres será a quenda da Asociación Cultural Veciñal Río Pombo e a Asociación local de Pensionistas e Xubilados de Meira, nesta ocasión visitarán Quiroga e a xeoloxía deste municipio e, os meiregos, achegaranse ao Saviñao.