Deputación de Lugo
Medio ambiente

O prazo para presentar imaxes ao Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera segue aberto ata o 17

Deputación de Lugo
Medio Ambiente
Imaxe deputación de lugo
A Deputación de Lugo impulsa esta iniciativa que premiará tres fotografías, elixidas por un xurado usando criterios de composición, orixinalidade e calidade estética, cun recoñecemento en metálico de 800, 500 e 300 euros, respectivamente

Este ano, o fío condutor do certame é Sendeiros das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, que busca promover as actividades de lecer ao aire libre e coñecer a riqueza do patrimonio natural e cultural da provincia

O prazo para presentar as imaxes ao Concurso Fotográfico das Reservas da Biosfera impulsado pola Deputación de Lugo continuará aberto ata o vindeiro venres 17 de setembro. Este ano, as fotografías presentadas deben estar baixo o lema Sendeiros das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses. Esta  actividade, enmarcada no compromiso da institución provincial coa posta en valor destes espazos naturais, conta cunha dotación económica de 1.600€, que serán repartidos entre os tres primeiros clasificados no concurso, con 800€, 500€ e 300€, respectivamente.  

A temática desta nova edición busca promover as actividades de lecer en espazos abertos, centrándose nos sendeiros cos que contan estes territorios da provincia e descubrir a riqueza do patrimonio natural e cultural da provincia. A realización deste tipo de actividades ao aire libre permite respectar e cumprir coas medidas adoptadas no momento polas autoridades sanitarias competentes para a prevención da Covid-19. As fotografías presentadas serán elixidas por un xurado usando criterios de composición, orixinalidade e calidade estética.

As persoas interesadas poden entregar unha única imaxe por persoa, que non fose premiada en edicións anteriores. Debe presentarse no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos, ou ben, remitila por correo postal certificado. As fotografías presentadas deberán facerse no territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e presentarse en formato dixital nun CD e unha copia en papel fotográfico, todo dentro dun sobre con datos persoais, título da obra e o nome do lugar onde se realizou a foto. As bases completas poden consultarse na web do organismo provincial: http://deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/concursofotografiaRRBB .

 

Exposición do VI Concurso Fotográfico

Na actualidade, a páxina web da Deputación de Lugo inclúe unha exposición virtual coas trinta instantáneas admitidas no VI Concurso de Fotografía das Reservas da Biosferas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Esta edición tivo como fío condutor As nosas árbores. A exposición completa pode verse na web de Medio Ambiente da institución provincial:  http://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/concursofotografiaRRBB/exposicion