Deputación de Lugo
Economía

A Deputación financiará a redacción do proxecto de construción do polígono industrial da Fonsagrada

Polígono industrial
Concello da Fonsagrada
A Xunta de Goberno aprobou hoxe un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 35.750€ para elaborar o proxecto do parque empresarial fonsagradino, uns traballos que sairán a contratación de maneira inmediata, segundo avanzou a voceira socialista do Goberno

A maiores desta aportación, a Deputación de Lugo xa ten comprometidos a través dun protocolo asinado o pasado ano polo Presidente e o Alcalde outros 600.000€ para acometer as obras do polígono

O Goberno aproba o Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, unha nova liña de axudas para entidades asociativas da provincia dotada cun orzamento de 300.000€ co fin de “colaborar na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas do rural”

Adxudicado o contrato para facer a mudanza e traslado dos servizos provinciais de Recadación, Asistencia aos Concellos, Medio Ambiente, Formación e Asesoría Xurídica ao Fogar de Santa María, despois das obras de rehabilitación acometidas nos pavillóns 1 e 2. O cambio comezará a realizarse en agosto

A Xunta de Goberno aprobou este venres o convenio de colaboración co Concello da Fonsagrada a través do que a Deputación de Lugo aportará 35.750€ para a redacción do proxecto das obras de construción do polígono industrial. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que explicou que “hoxe demos un paso moi importante para cumprir cunha demanda histórica dos veciños e veciñas e do tecido empresarial deste municipio da montaña”.

García Porto anunciou que este convenio será asinado polo Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde, Carlos López, a próxima semana para, “xa de seguido, sacar a contratación os traballos de redacción do proxecto”.

A Deputada avanzou que a institución provincial tamén se encargará deste procedemento de licitación, “dentro do noso compromiso de máxima colaboración cos concellos para sacar adiante servizos e infraestruturas necesarias para a veciñanza e para o tecido produtivo, como é o caso do polígono industrial da Fonsagrada”.

A voceira socialista lembrou que, a maiores desta achega para a redacción do proxecto, a Deputación de Lugo xa ten comprometidos outros preto de 600.000€ para acometer as obras deste polígono. “Un compromiso que está plasmado nun protocolo de colaboración que foi asinado o ano pasado polo Presidente desta institución e polo Alcalde”, apuntou Pilar García Porto, quen engadiu que segundo este protocolo o Concello da Fonsagrada achegará case 150.000€ para as obras.

Pilar García Porto subliñou que, “como ocorre con tantos outros servizos e infraestruturas da provincia, sen o apoio económico da Deputación de Lugo, A Fonsagrada non podería contar cun parque empresarial, unha dotación imprescindible, coa que cremos que debe contar como concello, pero tamén como cabeceira de comarca, para reforzar o seu papel como polo de desenvolvemento económico, social e laboral, capaz de xerar un efecto multiplicador na zona”.

300.000€ para unha nova liña de axudas para o rural

A Xunta de Goberno tamén sacou adiante o Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que conta cunha dotación económica de 300.000€. “Trátase dunha nova liña de axudas de concorrencia competitiva que lanzamos dende a Deputación de Lugo para entidades asociativas da provincia co obxectivo de colaborar na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas do rural”, explicou Pilar García Porto.

O Goberno aprobou ha reunión de hoxe as bases do programa, que sairán publicadas nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia (BOP), data a partir da cal se abrirá o prazo para solicitar as subvencións.

Poderán optar a estas axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 6.000€, entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia para realizar investimentos en inmobles ou para equipamentos que sirvan para mellorar a calidade de vida e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. 

Entre as actuacións subvencionables, García Porto enumerou: a mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais e os seus accesos; as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que a entidade desenvolve a súa actividade; adquisición de equipamentos para os locais que resulten necesarios para o funcionamento común da entidade; obras novas de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, así como das súas captacións, canalizacións e acometidas; e obras de acondicionamento e recuperación de espazos públicos comunais, fontes comunais e a súa contorna.

A voceira recalcou que con este novo programa, que estaba incluído nos Orzamentos deste 2021, “queremos seguir reforzando a cooperación co tecido social da provincia”. “Son cantidades que non teñen unha gran entidade económica, pero si unha gran relevancia social para mellorar o día a día da xente. Está claro que ninguén quere vivir nun lugar se non ten os servizos que necesita, e isto é precisamente o que queremos con este programa: dotar de máis e mellores servizos ó noso rural para fixar poboación”, explicou García Porto. 

Poxa pública de 55 parcelas nos polígonos de Chantada e Castroverde

A Xunta de Goberno tamén aprobou o procedemento para o alleamento de 55 parcelas situadas nos polígonos industriais de Castroverde e Chantada, que, extinguida Suplusa, xestiona agora directamente a Deputación de Lugo. Trátase de 44 parcelas no parque empresarial de Castroverde e de 11 no de Chantada. A venta das parcelas farase a través dun procedemento de concorrencia pública mediante a celebración dunha poxa.

Mudanza ao Fogar de Santa María

A Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación do contrato para a prestación do servizo de mudanza e traslado de diferentes servizos da Deputación de Lugo ao Fogar de Santa María, despois das obras de rehabilitación acometidas nos pavillóns 1 e 2. 

A empresa que resultou adxudicataria é International Movers, SL, por un importe de 41.400€. O contrato inclúe o traslado do equipamento, mobiliario, documentación, arquivos, utensilios e pertenzas, así como a montaxe e desmontaxe do mobiliario e do equipamento necesario, e a súa posterior colocación no Fogar de Santa María.

Segundo explicou García Porto, a previsión é que o traslado -que inclúe os servizos provinciais de Recadación, Asistencia aos Concellos, Medio Ambiente, Formación e Asistencia Xurídica- comece en agosto. A duración dos traballos non debe superar os 2 meses, a excepción do servizo de Recadación, para o que o prazo é dunha semana, por tratarse dun servizo con necesidades especiais.

Gas natural nos centros de atención a maiores

Outro dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno foi a adxudicación do contrato de subministro de gas natural para os centros de atención a maiores que a Deputación de Lugo ten en funcionamento en Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita, e tamén para os próximos que se porán en marcha en Navia de Suarna e Ribas de Sil. O adxudicatario é Repsol Butano SA e o importe do servizo é de 126.215€ para un período de 9 meses, entre setembro deste ano e xuño do ano 2022.