Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación, elixida de novo para participar na Semana Europea das Rexións polo seu modelo de atención aos maiores

centro de maiores
benestar social
Semana Europea das Rexións
A institución provincial tomará parte do maior evento anual de política rexional de Europa participando nun obradoiro centrado na dixitalización para apoiar un envellecemento saudable e unha mellor calidade de vida para as persoas maiores e a transformación dos sistemas sanitarios en Europa

O cumio europeo celebrarase do 11 ao 14 de outubro baixo o lema Xuntos pola Recuperación


A Deputación de Lugo foi seleccionada, un ano máis, para participar na 19ª Semana Europea de Rexións e Cidades, que se celebrará do 11 ao 14 de outubro baixo o lema Xuntos pola Recuperación, polo seu modelo de atención ás persoas maiores. Nesta ocasión, a institución provincial participará nun taller de traballo centrado na dixitalización para apoiar un envellecemento saudable e unha mellor calidade de vida para os maiores e a transformación dos sistemas sanitarios en Europa. 


A Deputación establecerá un intercambio construtivo e multinivel entre rexións e cidades, institucións europeas e sociedade civil sobre a dixitalización e a súa centralidade na construción de solucións innovadoras, sostibles, resilientes e prácticas para o coidado das persoas maiores e todo o sistema de saúde.

O taller de traballo contará cun panel institucional e técnico de alto nivel. Xunto coa Deputación de Lugo está prevista a participación dos representantes de EUREGHA (Rede Europea de Autoridades Sanitarias, Rexionais e Locais), comisarios e parlamentarios europeos, así como membros da Dirección Xeral de Apoio ás Reformas Estruturais (DG REFORM) e da Dirección Xeral de Comunicacións, Redes, Contido e Tecnoloxía (DG CNET).

A Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek) é o maior evento anual que se celebra en Bruxelas dedicado á política rexional. O cumio converteuse nunha plataforma de comunicación e rede única, que agrupa rexións e cidades de toda Europa, incluíndo os seus representantes políticos, funcionarios, así como expertos e académicos. Durante os derradeiros 18 anos, contribuíu de maneira importante a promover a aprendizaxe de políticas e o intercambio de boas prácticas. En 2020, a consecuencia da pandemia, desenvolveuse a primeira EURegions Week dixital, que acadou un recórd de máis de 12.000 participantes e 510 sesións. Unha delas foi promovida pola Deputación de Lugo, que coordinou un taller de traballo xunto con tres socios europeos no que se debateu con grande éxito o reto europeo do envellecemento activo post Covid-19.

Nesta pasada edición, o Presidente da Deputación, José Tomé, explicou polo miúdo a Rede de Protección Social provincial, que ten como principais piares o servizo de teleasistencia domiciliaria, o apoio ao servizo de axuda no fogar dos concellos e a rede de centros de atención a maiores. A través desta rede, a Deputación presta  servizos a persoas maiores en situacións de vulnerabilidade, realiza accións de prevención da dependencia e favorece o envellecemento activo. José Tomé compartiu a experiencia da Deputación no desenvolvemento e implantación de enfoques innovadores elaborados para dar a mellor resposta á realidade social dos 67 concellos da provincia de Lugo.

A Deputación de Lugo cree firmemente que este modelo é extrapolable a calquera territorio rural da Unión Europea. A eficacia da Rede de Protección Social provincial, que xa viña corroborada polas experiencias de usuarios, familiares e profesionais, quedou de novo de manifesto coa chegada da pandemia. O tamaño dos centros permitiu aplicar protocolos de prevención, formación e seguridade con máis rapidez e eficacia.