Deputación de Lugo
Formación

O Presidente entrega os diplomas aos graduados do Centro de Formación de Audiovisuais da Deputación

Centro de formación audiovisual
Un total de 23 alumnos e alumnas dos ciclos de Realización e Produción que ofrece a institución provincial remataron a súa etapa formativa con este acto que se emitiu vía streaming

José Tomé puxo en valor o modelo da formación audiovisual que imparte a Deputación, con prácticas reais, no que inviste 1,5M€ ao ano e con matrícula gratuíta para que sexa accesible a todas as persoas con vocación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, entregou este martes os diplomas aos graduados da 17ª promoción dos ciclos de Realización e Produción do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da institución provincial. Un total de 23 alumnos e alumnas puxeron fin a súa formación co acto que tivo lugar no salón de actos do Pazo de San Marcos e no que participou tamén o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

“Cada ano dedicamos máis de 1,5M€ ao funcionamento do Centro de Formación de Audiovisuais e, ao mesmo tempo, mantemos a matrícula gratuíta, algo que non vemos como un gasto, senón como un investimento no presente e, sobre todo, no futuro da nosa provincia”, explicou Tomé Roca. O Presidente sinalou tamén que a Deputación de Lugo traballa para que o alumnado “saia do noso centro coa mellor formación posible e para que, con eses coñecementos, poida entrar con máis garantías no mercado audiovisual, un sector que cada vez ten máis peso na nosa provincia e en Galicia, e que require de bos profesionais”.

O Presidente defendeu un modelo de formación da Deputación que posibilita “as prácticas en escenarios reais”, nunha “aposta decidida por unha formación pública de calidade e accesible a todos os mozos e mozas con vocación audiovisual, independentemente da situación económica das súas familias”. Neste sentido, puxo en valor o traballo dos estudantes de 1º dos ciclos de Produción e Realización encargados da organización e a retransmisión do acto vía streaming a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación.

O acto incluíu, ademais da entrega de diplomas, a proxección de dous vídeos: un cunha compilación dos traballos elaborados polos 23 titulados e tituladas da XVII Promoción do Centro de Formación Audiovisual, e outro cos mellores recordos que teñen da Escola.

Prazo de preinscripción

José Tomé avanzou que o curso que vén a matrícula continuará a ser gratuíta. Dende este mércores, 23 de xuño, e ata o 2 de xullo, estará aberto o prazo de prescrición. O período da matrícula será do 14 ao 30 de xullo. Nesta ligazón da páxina web provincial os interesados poden acceder a toda a información sobre os ciclos: http://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/audiovisuais/centro_formacion/regrada/matricula

Apoio ao sector audiovisual lucense e galego

O Presidente subliñou o apoio da Deputación ao audiovisual lucense e galego, “una vía importante de promoción da provincia, que xera riqueza e emprego e que, ademais, dá oportunidades laborais aos titulados do noso Centro de Formación”. Neste sentido, lembrou que “este apoio ao sector materialízase en accións concretas, como as achegas económicas a proxectos con gran repercusión nacional e internacional. Algún dos últimos exemplos son os patrocinios da Deputación á película do director monfortino Dani de la Torre, Live is life, que se estrea en agosto; O Sabor das Margaridas, una das series máis populares na plataforma Netflix, e O que Arde, de Oliver Laxe, a película en galego máis vista da historia”.