Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Mocidade colaborará na construción dun carril bici a carón da costa de Ribadeo

ÁREA DE MOCIDADE
Carril Bici
Ribadeo
Mónica Freire
O proxecto fomentará a mobilidade sostíbel e os hábitos de vida saudables arredor de espazos emblemáticos como o Forte de San Damián ou o Faro de Illa Pancha

A área de Medio Rural, Mar e Mocidade colaborará no financiamento da creación dun carril bici entre o centro urbano de Ribadeo e o Faro de Illa Pancha, completando unha vía de prioriade ciclista duns catro quilómetros a carón da costa ribadense. A deputada provincial Mónica Freire e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, presentaron o proxecto, que contará cunha achega de 250.000 euros da institución provincial.

Segundo se recolle na memoria inicial, entre o Faro e o Forte de San Damián, habilitarase un carril-bici bidireccional de 2.50 metros de ancho mentres que no resto do traxecto se optará por harmonizar o paso de vehículos e bicicletas nunha vía de sección única de prioridade ciclista e limitada a 30 quilómetros  por hora. O traxecto tamén será transitable a pé, por beirarrúas e pasos peonís.

O proxecto mellorará as condicións de uso e seguridade dun espazo xa empregado pola veciñanza e en especial pola mocidade de Ribadeo para o paseo a pé e outras actividades físicas. Ademais, facilitará o uso da bicicleta para os desprazamentos entre as vivendas e o centro da vila, contribuíndo a unha mobilidade máis sostíbel desde o punto de vista ambiental e económico.

A este respecto, a deputada provincial sinalou que “os modelos de cidades e de espazos nas vilas en harmonía coas persoas e coa veciñanza constitúen un obxectivo estratéxico de primeira magnitude no ámbito da mocidade xa que debemos ser capaces de inculcar uns valores de respecto na seguranza viaria entre peóns e condutores, ao tempo que fomentamos hábitos de vida saudables"

O alcalde de Ribadeo indicou que “a pandemia acentuou a sensibilidade social cara a esta forma de usar os espazos públicos, máis sostíbel, ecolóxica e saudable. Dende as institucións, temos a responsabilidade de crear as condicións e infraestruturas adecuadas para que estes novos hábitos e valores se consoliden”

A Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo asinarán un acordo de colaboración para financiar esta actuación co obxectivo de licitar as obras nesta anualidade.