Deputación de Lugo

A Deputación forma a persoal dos concellos en Sistemas de Información Xeográfica

Deputación de Lugo
A Deputación forma a persoal dos concellos en  Sistemas de Información Xeográfica
A institución provincial, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, puxo en marcha este curso para dar a coñecer o funcionamento do programa Quantum GIS ao persoal da administración local

A IV edición do Curso SIX, que se celebrou dende o día 18 de maio ata hoxe, estivo orientado á Xestión Técnica na Administración Local

A Deputación de Lugo, no marco do convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a realización da Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais (EIEL), puxo en marcha a cuarta edición do Curso de SIX orientado á Xestión Técnica na Administración Local. Esta formación, centrada no uso do programa Quantum GIS (QGIS), celebrouse do 18 de maio ata este xoves, 3 de xuño, por vía telemática.

Formáronse unha vintena de técnicos e persoal administrativo que, de carácter habitual ou ocasional, necesitan obter información de mapas ou xeolocalizar lugares. Así, este curso achegou aos participantes ás tecnoloxías máis avanzadas no uso e tratamento da información territorial. Do mesmo modo, o fomento desta aplicación permitirá difundir os recursos cartográficos existentes en Internet e na Deputación ou establecer liñas de comunicación máis áxiles e eficaces para o intercambio de información.

A institución provincial demostra así o seu compromiso coa formación e a aposta polo emprego de ditas ferramentas e utilidades das que dispón a Deputación de Lugo e así conseguir os obxectivos marcados. O curso foi impartido por técnicos da Universidade.