Deputación de Lugo
Medio ambiente
Turismo

Aberta a votación para apoiar a candidatura da Deputación ao premio Copa de España Creativa 2020

copa de españa creativa 2020
Deputación de Lugo
Soutos
Ata o 22 de maio ás 13 horas pódese votar o proxecto da institución provincial para recuperar e poñer en valor os soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses no seguinte enlace: https://www.espanacreativa.es/voto-popular---copa-espantildea-creativa-2020.html

A web do certame publicou os vídeos promocionais dos finalistas das catro categorías coa fin de que obteñan o maior número de votos do público para alcanzar o recoñecemento das iniciativas máis innovadoras e creativas do país

Participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de toda España que teñen visión de futuro do territorio

O gañador coñecerase en maio, na celebración do Fórum Orihuela 2020, onde cada iniciativa seleccionada poderá expoñer en público o proxecto. Un 40% dos votos será do público en xeral a través de vídeos nas redes e o 60% dun xurado experto

A iniciativa gañadora será a encargada de organizar un evento de primeiro nivel con representantes de toda España de diferentes ámbitos e ocuparase da celebración da Copa de España Creativa 2021

Os premios Copa de España Creativa 2020 abren o período de votación para seleccionar aos gañadores destes galardóns aos que opta a Deputación de Lugo. A institución provincial é finalista polo seu proxecto de recuperación e posta en valor dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

A votación pódese realizar ata o 22 de maio ás 13.00 horas a través da páxina web de España Creativa no seguinte enlace: https://www.espanacreativa.es/voto-popular---copa-espantildea-creativa-2020.html. A través da ligazón pódense ver os vídeos promocionais dos finalistas a cada unha das catro categorías coa fin de que obteñan o maior número de votos do público para alcanzar o recoñecemento das iniciativas máis innovadoras e creativas do país.

O proxecto da institución provincial foi seleccionado como un dos 20 finalistas da Copa Creativa 2020 de entre ducias de candidaturas de toda España en primeiro lugar na súa categoría, Creatividade e innovación social e territorial. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou a importancia deste recoñecemento que reflicte “o bo traballo que desenvolvemos na provincia compaxinando a protección e o coidado do medio ambiente co desenvolvemento social e económico sostible do territorio para xerar riqueza e emprego, e para fixar poboación no rural”.

Así mesmo, o mandatario provincial anima a “apoiar este premio que contribuirá, sen dúbida, á proxección da riqueza medioambiental do noso territorio a nivel nacional e internacional, algo especialmente importante nestes momentos de crise provocada pola pandemia da Covid-19”, destacou o Presidente.

O proxecto gañador será elixido no evento Fórum Orihuela 2020, que se celebrará a finais de maio, logo de que tivera que ser adiado para esa data debido á crise sanitaria. Nese evento, a Deputación de Lugo, xunto co resto de finalistas, presentarán a súa iniciativa en público ante o xurado experto e que sumarán a súa puntuación aos votos populares, que supoñe un 40% do voto final.

 

O proxecto seleccionado

O proxecto da Deputación que foi seleccionado ten como obxectivo a recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, dentro do “compromiso e o traballo que desenvolvemos para xerar riqueza e emprego sostible no rural lucense, e fixar así poboación, aproveitando para iso os recursos naturais propios”, destacou o Presidente.

O traballo foi desenvolvido en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, membro do órgano de participación da Reserva, e integra tres liñas de actuación: a elaboración dun mapa dos bosques de frondosas autóctonas que, segundo os labores desenvolvidos representan o 28% da Reserva con 15.000 hectáreas; a elaboración dun mapa de masas de castiñeiros que, con preto de 5.000 hectáreas, supoñen o 9% deste espazo natural e das cales 1.000 hectáreas están catalogadas como monte comunal de titularidade municipal; e a identificación da verdadeira propiedade dos montes comunais dos soutos de Vilor, en Navia de Suarna, e Vilaver, en Cervantes, para proporcionar a seguridade xurídica que posibilite a súa explotación e conservación. 

A recuperación e posta en valor dos soutos e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorecen a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, e contribúen á conservación de hábitats protexidos e ao mantemento da súa biodiversidade. 

 

España Creativa

A Deputación forma parte da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España como socia fundadora. Esta entidade foi constituída en 2016 en Monforte de Lemos e entre os seus principais obxectivos está a mellora na xestión da diversidade cultural de España e a cohesión social, potenciar a innovación como modelo de desenvolvemento e o turismo cultural e creativo, impulsar todos os sectores da economía a partir do valor engadido da cultura e favorecer o diálogo entre territorios.