Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural financia unha publicación divulgativa sobre o cabalo de Pura Raza Galega

medio rural
Mónica Freire
PURAGA
CABALO GALEGO
Muras
O material, editado por Puraga, recompila datos sobre as características desta raza autóctona e sobre a importancia ambiental, cultural e económica da súa cría tradicional

A área de Medio Rural, Mar e Mocidade colaborou na edición da publicación “O cabalo de pura raza galega: historia e situación actual”, editada pola Asociación de Criadores de Pura Raza Galega (Puraga).

Trátase dunha publicación divulgativa que recompila información sobre as características xenealóxicas da raza,  a evolución da poboación en Galiza, a súa influencia na conservación da biodiversidade e da paisaxe cultural, o léxico asociado á tradición cabalar ou un calendario cos principais curros, rapas e feiras que se celebran no país arredor destes animais.   O material distribuirase en eventos, feiras, carnicerías e outros espazos comerciais para facilitar ás persoas consumidoras unha información completa e rigorosa sobre a orixe do produto.

A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, sinalou que “se trata dun material informativo que permite achegarse dunha maneira rápida a importancia medioambiental, cultural e económica da actividade que desenvolven os gandeiros e gandeiras de cabalo de Pura Raza Galega, boa parte deles concentrados arredor do Xistral”.

A publicación, presentada no concello de Muras onde Puraga ten a súa orixe, constata que o cabalo de Pura Raza Galega “mantén unha poboación estable ou lixeiramente tendente á alza, rondando entre os 1.500 e os 1.700 exemplares, a maior parte deles, femias” e engade que “a conservación da poboación débese a unha maior profesionalización das explotacións onde se localizan”.

Tamén sinala as principais ameazas desta raza autóctona como “o cruce con razas de maior condición cárnica, a falta de acondicionamento das comunidades de montes, a apertura de pistas e estradas por áreas tradicionais de pastos ou a intensificación da carga gandeira por parte da administración”, ademais do progresivo “despoboamento e envellecemento do mundo rural”

Apoio ao sector agroalimentario fronte á Covid 19

A edición deste material divulgativo enmárcase no convenio asinado entre a área de Medio Rural e Puraga para desenvolver diferentes iniciativas orientadas á promoción e valoración desta raza autóctona, dos gandeiros e gandeiras que manteñen o sistema de cría tradicional en semiliberdade e dos produtos derivados. Así, a área dirixida por Mónica Freire tamén colaborou na organización de degustacións e campañas de promoción de carne fresca e embutidos orientadas a facilitar a súa comercialización.

A área de Medio Rural destinou máis de 5.000 euros a este convenio de colaboración con Puraga, que se sumou aos asinados con outras con asociacións e entidades do ámbito agroalimentario para apoiar a comercialización dos seus produtos e paliar a incidencia que a situación sanitaria tivo nas vendas, especialmente nas orientadas á restauración. Nos últimos meses asináronse convenios con Ovica para o impulso da marca “Pastores de Galicia”, con Asoporcel ou coa Federación de Razas Autóctonas.