Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo renova o seu compromiso económico para o funcionamento dos GES

Deputación de Lugo
Sinatura GES
O Presidente asinou en Santiago unha addenda do convenio de colaboración coa Xunta, a FEGAMP e as outras institucións provinciais galegas, que permitirá mellorar a cobertura e a operatividade dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais a nivel autonómico

A institución provincial achega preto de 800.000€ ao ano aos GES, o que supón practicamente o 1% do orzamento provincial co fin de que os concellos non teñan que facer achegas económicas para o seu funcionamento

“É moi importante poñer sempre as cifras en perspectiva e tamén poñer en valor o que significa manter os compromisos nunha época excepcional coma esta, na que as entidades locais asumimos moitos gastos a maiores debido á Covid-19 sen recibir, en cambio, ningún fondo extra para poder afrontalos”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes na Cidade da Cultura, en Santiago, unha addenda ao convenio de colaboración para o funcionamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) xunto ao Vicepresidente 1º da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o Conselleiro de Medio Rural, José González, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, e o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. 

Esta modificación do convenio permitirá ampliar a área de actuación deste servizo e optimizará a xestión dos recursos para acurtar o tempo de resposta. Tomé Roca salientou que “se seguirá mellorando a cobertura e a operatividade dos GES” a nivel autonómico. 

O Presidente puxo en valor o espírito co que foron creados os GES. “Son unhas unidades de prevención e de emerxencias que resultan fundamentais nunha provincia como a nosa, que ten un marcado carácter rural e que conta cunha dispersión poboacional moi importante; prestan atención a uns concellos que na súa maioría son de pequeno tamaño, e que por si mesmos non terían capacidade, nin para crear, nin para manter o servizo; e que materializan e poñen en valor a cooperación e a solidariedade intermunicipal e a cooperación interadministrativa, que dende a Deputación de Lugo consideramos importantes”. 

A Deputación de Lugo achega preto de 800.000€ ao ano para o funcionamento dos GES, o que equivale a practicamente ao 1% do Orzamento da Deputación de Lugo. A institución provincial lucense converteuse no 2016 na primeira institución provincial de Galicia que asumiu o custe municipal dos GES, lembrou o Presidente, de tal maneira que os concellos “poidan ofrecer este servizo de prevención e de atención a emerxencias a custe cero”. 

“É moi importante poñer sempre as cifras en perspectiva e, tamén, é moi importante poñer en valor o que significa manter os compromisos nunha época excepcional como a que vivimos debido á pandemia”, concretou e detallou o Presidente, dado que “as entidades locais asumimos moitos gastos extraordinarios debido á Covid-19, como por exemplo, a desinfección dos colexios, a compra de material de protección ou medidas de apoio aos sectores económicos, sobre todo os máis afectados polas restricións sanitarias, sen percibir, en cambio, ningún fondo extraordinario para poder afrontar eses novos gastos”. 

 

Colaboración leal

Na súa intervención, Tomé Roca insistiu en que as administracións públicas deben colaborar e nese camiño sempre “van atopar á Deputación de Lugo”. “Pero unha colaboración leal, como demanda a cidadanía, debe incluír o compromiso de revisar, dunha vez por todas, a situación das facendas locais”. Nese senso, o Presidente concretou que se “deben recoñecer as competencias impropias que os concellos vimos asumindo e desenvolvendo en asuntos como os servizos sociais, a dependencias ou a atención aos maiores, entre outros”. “Unha proposta de colaboración leal debe buscar, tamén, que a participación económica se faga dun xeito proporcional aos orzamentos, para que achegue máis quen ten máis fondos e quen ten as competencias, de xeito que non acaben pagando sempre os concellos, sen ter unha financiación axeitada, que é a materia pendente da democracia”, explicou José Tomé.