Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo ofrece aos seus empregados e empregadas un plan de formación pioneiro en Galicia

plan formativo
Formación
O Presidente anuncia unha acción formativa para favorecer a promoción horizontal de 321 traballadores provinciais, a metade da plantilla. É a primeira vez que se leva a cabo unha formación así na institución e tamén entre as administracións públicas galegas, tanto polas súas características, como polas súas dimensións e alcance

Cumpre un dobre obxectivo: “dar ferramentas ao funcionariado para progresar na súa carreira profesional mellorando as súas competencias e capacidades e, ao mesmo tempo, mellorar o funcionamento da Deputación, a atención aos concellos e á cidadanía, e a prestación dos servizos públicos”, subliñou José Tomé

“Temos como prioridade seguir avanzando cara unha administración máis eficaz, áxil e próxima. En definitiva, máis útil á cidadanía, a quen nos debemos todas as persoas que exercemos a función pública. Para iso fai falta un funcionariado ben dimensionado e ben preparado, algo aínda máis importante polas necesidades especiais da pandemia”

O plan de formación, co que o Goberno fai realidade un acordo cos sindicatos, arrancará o vindeiro mércores e prolongarase ata maio. Terá lugar de maneira telemática para favorecer a participación e extremar a prevención ante a Covid

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves a posta en marcha o vindeiro mércores dun plan de formación pioneiro en Galicia dirixido aos traballadores e traballadoras públicos da institución provincial. Trátase dunha Acción Formativa para o Procedemento de Promoción Interna Horizontal, na que poderán participar 321 empregados da entidade, máis da metade da plantilla.

José Tomé, que compareceu xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e da Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, subliñou que “é a primeira vez na historia da Deputación que se leva a cabo unha acción deste tipo, pero tamén é pioneira entre as administracións públicas de Galicia, tanto polas características da formación, como polas súas dimensións e alcance”, en tanto que chegará a máis da metade dos traballadores da institución.

Co plan, explicou o Presidente, a Deputación cumpre “un dobre obxectivo: damos ferramentas aos empregados e empregadas públicas da Deputación para progresar na súa carreira profesional a través da mellora das súas competencias e capacidades, o que supón un salto nas súas condicións laborais e salariais, e, ao mesmo tempo, melloramos o funcionamento da Deputación, e, polo tanto, a atención aos concellos e á cidadanía, e a prestación dos servizos públicos. Uns servizos públicos que, unha vez máis, se demostrou que son o único escudo eficaz e universal para facer fronte ás crises. O que de verdade garante a igualdade de dereitos e de oportunidades dos cidadáns”.

O Presidente ten “unha prioridade moi clara, seguir avanzando cara unha institución máis eficaz, áxil e próxima. En definitiva, unha institución cada vez máis útil ós concellos e ós veciños e veciñas, a quen nos debemos todas as persoas que exercemos a función pública. Para logralo, é imprescindible contar cun corpo de funcionarios ben dimensionado, e tamén ben preparado, especializado e con coñecementos permanentemente actualizados, algo aínda máis importante nestes tempos marcados polas especiais necesidades da pandemia”. Por este motivo, “temos un firme compromiso coa formación continua e de calidade dos traballadores e traballadoras”. 


Co Plan de Formación para a Promoción Interna Horizontal, o Goberno, explicou José Tomé, “fai realidade un acordo da Mesa Xeral de Negociación que levaba tempo pendente de materializar, dende antes de que tomásemos posesión”. A Mesa Xeral de Negociación é o órgano de diálogo entre a Administración pública e os representantes sindicais. 

Tres niveis de formación e catro módulos

Os cursos, que comezarán o vindeiro mércores, 17 de febreiro, prolongaranse ata o mes de maio e contarán con tres niveis, en función dos distintos grupos de clasificación profesional dos funcionarios. Haberá catro módulos que tratarán sobre a propia Deputación, recursos humanos, procedemento administrativo e novas tecnoloxías. Impartiranse 8 edicións dos distintos cursos, que en total suman 320 horas de formación.

Co fin de facilitar a participación, que en todo caso será de carácter voluntario, e co fin de extremar a prevención ante a pandemia da Covid-19, a formación desenvolverase de xeito telemático.