Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo defende Os Ancares como realidade xeográfica e social

Xunta de Goberno
Rolda de Prensa Xunta de Goberno
O Presidente informou da aprobación pola Xunta de Goberno das alegacións ao acordo plenario do Ayuntamiento leonés de Candín para pasar a chamar Ancares

O cambio de topónimo “vulnera a lexislación vixente, carece de fundamentación histórica rigorosa e completa, e ignora o feito incontestable de que Ancares é unha ampla realidade xeográfica, social, cultural, medioambiental e etnográfica que lle dá nome a un territorio no que se asentan municipios da provincia de Lugo e de León”

As alegacións están expostas e fundamentadas en tres informes técnicos, elaborados polos servizos provinciais de Asistencia Xurídica, Económica e Técnica aos Concellos, e de Medio Ambiente, e polo colectivo Patrimonio dos Ancares

A Deputación solicita ao Ayuntamiento de Candín que arquive o expediente para cambiar o nome do municipio ou que, en todo caso, incorpore ao seu topónimo a alusión á súa pertenza a Ancares, pasando a denominarse Candín de Ancares

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a Xunta de Goberno, a proposta súa, aprobou as alegacións que a institución provincial presentará ao acordo plenario do Ayuntamiento leonés de Candín para cambiar o nome do municipio e pasar a chamarse Ancares. “A Deputación de Lugo defende Os Ancares como unha realidade xeográfica e social que comparten as provincias de Lugo e de León”, subliñou José Tomé.

Deste xeito, o Presidente explicou que as alegacións da Deputación recollen que o cambio de topónimo “vulnera a lexislación vixente, carece de fundamentación histórica rigorosa e completa, e ignora o feito incontestable de que Ancares é unha ampla realidade xeográfica, social, cultural, medioambiental e etnográfica que lle dá nome a un territorio no que se asentan municipios da provincia de Lugo e de León”.

As alegacións da Deputación están expostas e fundamentadas en tres informes técnicos que se adxuntan no expediente que a institución enviará a Candín, e que foron elaborados polos servizos provinciais de Asistencia Xurídica, Económica e Técnica aos Concellos, e de Medio Ambiente, e polo historiador Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares.
 
En base a estes argumentos, a Deputación solicita ao Ayuntamiento de Candín que arquive o expediente para cambiar o nome do municipio ou que, en todo caso, incorpore ao seu topónimo a alusión á súa pertenza a Ancares, pasando a denominarse Candín de Ancares.

Argumentos
O Presidente explicou que as alegacións da Deputación ao acordo plenario que adoptou Candín o día 16 de decembro para o cambio de topónimo e que ten en exposición pública baséanse en seis argumentos fundamentais: 

PRIMEIRO: O cambio de nome do municipio de Candín por Ancares vulnera a lexislación reguladora da denominación do municipio e as súas alteracións.
En concreto, o artigo 24.1 da Lei 1/1998, de 4 de xuño do Réxime Local de Castela e León establece que: “La denominación de los municipios habrá de ser en lengua castellana, respetándose las denominaciones existentes a la entrada en vigor de esta Ley, sin que pueda ser coincidente o producir confusiones con otras del territorio del Estado”.
A intención do Ayuntamiento de Candín de chamarse Ancares vulnera esta disposición legal porque xa existe un territorio recoñecido coa denominación de Ancares.

SEGUNDO: O cambio de nome de Candín por Ancares carece de fundamentación histórica rigorosa e completa que tal modificación esixe.
Candín alega que o nome de Ancares comezou a usarse nos anos 60 coa creación da Reserva Nacional de Caza e que na parte galega se empezou a utilizar nos 90 coa aprobación do Mapa Comarcal de Galicia. Sen embargo, existe abundante documentación histórica que acredita o uso do topónimo Ancares para referirse a esta serra, cando menos dende o ano 572. 
Candín é o topónimo deste municipio de León dende a súa propia constitución, hai 200 anos. Sen embargo, no expediente que aporta o Ayuntamiento non se alude para nada a esta parte da súa historia, a estes 200 anos de existencia como municipio denominado Candín.

TERCEIRO. Ancares é unha realidade territorial moito máis ampla que un único municipio, pois dalle nome a toda unha comarca, conformada fisicamente pola Serra dos Ancares e polos seus accidentes xeográficos (portos e vales, entre outros), e sobre a que se asentan municipios tanto da provincia de Lugo, como da de León.

CUARTO.- Ademais dunha realidade xeográfica, Ancares é unha ampla realidade social, cultural, medioambiental e etnográfica, cunha  identidade propia e única, que comparte rasgos, e tamén retos e oportunidades comúns.
Ademais, esta ampla realidade está amparada baixo figuras de protección recoñecidas por organismos a nivel autonómico, nacional e mesmo internacional, como é o caso da UNESCO, co recoñecemento da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses no ano 2006.

QUINTO.- O Ayuntamiento de Candín, axustándose á realidade xeográfica, histórica, administrativa e social, ten a posibilidade de incorporar ó seu topónimo a alusión á súa pertenza a Ancares, pasando a denominarse Candín de Ancares.

SEXTO.- A apropiación do topónimo Ancares, que é patrimonio de todos e todas as persoas que viven neste territorio, tanto da vertente lucense, como da leonesa, lesiona gravemente os intereses da provincia de Lugo, pero tamén do conxunto da comarca dos Ancares

“Limitar o nome dos Ancares só ó municipio de Candín supón unha perda de oportunidades  para o desenvolvemento social e económico. Estaríamos pechando a porta á colaboración e ás sinerxías das administracións, dos axentes que traballan sobre o territorio e dos veciños para o impulso de iniciativas que contribúan a aproveitar o potencial desta zona, pero tamén para afrontar os seus retos comúns, tales como a perda de habitantes, o envellecemento da poboación e o acceso aos servizos públicos”, argumentou o Presidente.