Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación de Lugo, finalista dos premios Copa de España Creativa 2020

copa de españa creativa 2020
Medio Ambiente
conservación do territorio
soutos
Reserva da Biosfera
Ancares Lucenses
O proxecto da institución provincial para recuperar e poñer en valor os soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares foi seleccionado en 1º lugar na súa categoría destes galardóns, que distinguen as iniciativas máis innovadoras e creativas do país para favorecer o seu desenvolvemento

No certame participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de toda España que teñen visión de futuro do territorio

O gañador coñecerase en maio, na celebración do Fórum Orihuela 2020, onde cada iniciativa seleccionada poderá expoñer en público o proxecto. Un 40% dos votos será do público en xeral a través de vídeos nas redes e o 60% dun xurado experto

A iniciativa gañadora será a encargada de organizar un evento de primeiro nivel con representantes de toda España de diferentes ámbitos e ocuparase da celebración da Copa de España Creativa 2021

O xurado dos premios Copa de España Creativa 2020, galardón que distingue os proxectos máis innovadores e creativos do país, elixiu á Deputación de Lugo como finalista polo seu proxecto de recuperación e posta en valor dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionada pola institución provincial. 

A Deputación forma parte da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España como socia fundadora. Esta entidade foi constituída en 2016 en Monforte de Lemos e entre os seus principais obxectivos está a mellora na xestión da diversidade cultural de España e a cohesión social, potenciar a innovación como modelo de desenvolvemento e turismo cultural e creativo, impulsar todas os sectores da economía a partir do valor engadido da cultura e favorecer o diálogo entre territorios.

O proxecto lucense foi seleccionado como un dos 20 finalistas da Copa Creativa 2020 de entre ducias de candidaturas de toda España en primeiro lugar na súa categoría, Creatividade e innovación social e territorial. A elección do xurado deuse a coñecer onte nun acto público celebrado no Instituto Cervantes, en Madrid, e retransmitido en directo pola canle de YouTube de España Creativa. 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu con enorme satisfacción a nova, “pois é un importante recoñecemento que recibe a nivel nacional o bo traballo que desenvolvemos na provincia compaxinando a protección e o coidado do medio ambiente co desenvolvemento social e económico sostible do territorio para xerar riqueza e emprego, e para fixar poboación no rural”.

O feito de que o proxecto da Deputación para recuperar e poñer en valor os soutos dos Ancares sexa finalista na Copa de España Creativa 2020 “contribuirá, sen dúbida, á proxección da riqueza medioambiental do noso territorio a nivel nacional e internacional, algo especialmente importante nestes momentos de crise provocada pola pandemia da Covid-19”, destacou o Presidente.

O premio
O proxecto gañador será elixido no evento Fórum Orihuela 2020, que se celebrará entre o 20 e o 22 de maio, logo de que tivera que ser adiado para esa data debido á crise sanitaria. Nese evento, a Deputación de Lugo, xunto co resto de finalistas, presentarán a súa iniciativa en público ante o xurado. Agora, cada finalista dispón de dous meses para elaborar un vídeo promocional que se lanzará nas redes sociais para o voto popular, que contará un 40% do voto final, mentres que o 60% do voto restante será do xurado de expertos.
  
Os 20 proxectos escollidos este mércores compiten en catro modalidades de concurso: cidades de más de 50.000 habitantes; cidades de menos de 50.000 habitantes; territorios (autonomías, deputacións, consorcios ou mancomunidades); e empresas, universidades e organizacións non lucrativas. Á súa vez, os proxectos referírense a tres categorías: creatividade e innovación económica ou tecnolóxica; creatividade e innovación cultural e artísticas; e creatividade e innovación social e territorial.  

A selección destes 20 proxectos realizouna un xurado de 13 expertos de recoñecido prestixio en ámbitos tan diversos como a economía, empresa, cultura, arte, literatura, patrimonio, medio ambiente, historia, sociedade ou sanidade. O xurado estivo presidido por Darío Villanueva, académico e ex-director da RAE, e a secretaria, Belén Elisa Díaz, presidente de España Creativa e directora de Fórum Orihuela 2020. 

O proxecto seleccionado
O proxecto seleccionado da Deputación ten como obxectivo a recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Tomé Roca explica que responde “ao compromiso e ao traballo que desenvolvemos para xerar riqueza e emprego sostible no rural lucense, e fixar así poboación, aproveitando para iso os recursos naturais propios”.

O traballo foi desenvolvido en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, membro do órgano de participación da Reserva, e integra tres liñas de actuación: a elaboración dun mapa dos bosques de frondosas autóctonas que, segundo os labores desenvolvidos representan o 28% da Reserva con 15.000 hectáreas; a elaboración dun mapa de masas de castiñeiros que, con preto de 5.000 hectáreas, supoñen o 9% deste espazo natural e das cales 1.000 hectáreas están catalogadas como monte comunal de titularidade municipal; e a identificación da verdadeira propiedade dos montes comunais dos soutos de Vilor, en Navia de Suarna, e Vilaver, en Cervantes, para proporcionar a seguridade xurídica que posibilite a súa explotación e conservación. 

A recuperación e posta en valor dos soutos e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorecen a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, e contribúen á conservación de hábitats protexidos e ao mantemento da súa biodiversidade. 

Para identificar a titularidade dos soutos realizouse un rigoroso traballo de elaboración cartográfica xeoreferenciando fotos aéreas retintadas do ano 1956 que foron recollidas polo Catastro e que están dispoñibles no Arquivo Dixital de Galicia. Posteriormente, esta cartografía foi posta en común e contrastada a titularidade de cada finca nas numerosas reunións realizadas cos veciños e veciñas das respectivas zonas, uns encontros que, ademais de para este obxectivo, serviron para reforzar os lazos de comunidade da aldea e reafirmar a súa identidade. Fíxose un traballo de campo e logo un levantamento topográfico para determinar a relación de propietarios de fincas incluídas nos terreos clasificados como comunais. 

A partir da identificación dos titulares dos soutos que se levou a cabo grazas a este proxecto da Deputación de Lugo sentáronse as bases para poder realizar a xestión dos terreos, o que redundará na posibilidade de acometer traballos de recuperación e mellora da produción de castaña, que xa se está a comercializar na zona de forma conxunta e baixo certificación ecolóxica a través da cooperativa A Carqueixa.

Con este impulso da Deputación de Lugo para a recuperación dos soutos ábrense novas posibilidades de futuro para o aproveitamento económico destes recursos naturais pola veciñanza no territorio da Reserva da Biosfera dos Ancares. Así, é posible a creación de agrupacións de propietarios de soutos para a xestión conxunta dos mesmos e o acceso a axudas públicas para a conservación e explotación. Ademais, coa base xurídica definida, pódense iniciar procesos de modernización que incrementen a produtividade dos soutos a través de ferramentas tecnolóxicas para o seguimento dos tratamentos fitosanitarios aplicados a cada árbore ou para predicir ou cuantificar a cantidade de castaña que producen por variedade e calibre.

Fundación Uxío Novoneyra, tamén finalista
O Presidente da Deputación felicita á Fundación Uxío Novoneyra, que tamén se atopa entre os vinte finalistas na categoría de organizacións non lucrativas polo seu proxecto ITH, 7 anos de traballo na financiación diversificada da cultura. Tomé Roca subliña que é unha moi boa nova xa que se atopa no primeiro nivel, distinguida entre colectivos, universidades e asociacións de todo o país.

“Que de 20 finalistas, dous sexan da nosa provincia é un gran orgullo e sinal de que estamos traballando no bo camiño para aproveitar as potencialidades que temos co fin de promover o desenvolvemento social e económico sostible”.