Deputación de Lugo

Maiores Lugo 3.0 da Deputación abre páxina en Facebook para ofrecer o seu servizo aos lucenses durante a pandemia

SERVIZOS AUDIOVISUAIS
MAIORES 3.0
MEMORIA DIXITAL
Esta páxina da rede social, dirixida especialmente ás persoas de máis de 55 anos, inclúe tutoriais sobre uso de novas tecnoloxías, fotografías antigas, adiviñas ou pasatempos para manter activos aos maiores nas súas casas

A través desta iniciativa, establécese unha vía de diálogo entre as persoas maiores, que en moitos casos viven soas, para que poidan interactuar con comentarios ou achegando o seu propio material gráfico e audiovisual

A Deputación de Lugo abriu a través dos Servizos Audiovisuais unha páxina en Facebook de Maiores Lugo 3.0, o programa do organismo provincial co que se promove o uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos, así como a súa autonomía persoal. O obxectivo é que os maiores da nosa provincia poidan seguir activos desde as súas casas mentres non sexa posible impartir a programación habitual de cursos presenciais por mor da pandemia da Covid-19.

Esta iniciativa formativa e interactiva está dirixida especialmente aos maiores, aínda que está aberta a todas as persoas que queiran participar, xa que os seus contidos poden interesar a calquera cidadán, independentemente da súa idade. Deste xeito, facilítase unha nova vía para que os maiores, que en moitos casos viven sós, poidan seguir en contacto nestes tempos nos que a Covid-19 lles impide asistir a cursos e obradoiros e ven reducido ao mínimo os seus contactos presenciais.

O novo espazo, que xa está funcionando, publica todos os días contidos audiovisuais, xogos, adiviñas e pasatempos para exercitar a mente, así como tutoriais sobre aplicacións e ferramentas tecnolóxicas para aproveitar ao máximo o uso das TICs. Ademais, estanse a compartir fotografías antigas do banco provincial de recordos de Memoria Dixital Lugo, tamén promovido polo Servizo de Audiovisuais a través de www.memoriadixitallugo.es, co obxectivo de abrir o diálogo entre os internautas e que poidan interactuar con comentarios ou achegando outro material gráfico e audiovisual.

Aposta polo envellecemento activo
Con Maiores Lugo 3.0, a Deputación aposta polo fomento do uso das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, nunha provincia como a de Lugo, cunha poboación moi envellecida e dispersa.

Desde a súa posta en marcha, ao abeiro do InLUGO no ano 2013, esta iniciativa formativa, que tivo moi boa acollida entre os maiores da provincia, foi incrementando cada tempada a súa programación e a demanda por parte dos usuarios e usuarias. A súa finalidade é promover o fomento da vida saudable e o envellecemento activo a través das novas tecnoloxías, e dar ás persoas maiores as habilidades e coñecementos necesarios para que o seu manexo lles facilite o día a día e o contacto cos seus familiares e amigos.
 
Malla tradicional, na que se batía o cereal cos mallos para separar o gran da palla, dos veciños de Pradeda, en Guntín, en 1955. Foto cedida por María Luisa López Liz.

Malla tradicional, na que se batía o cereal cos mallos para separar o gran da palla, dos veciños de Pradeda, en Guntín, en 1955. Foto cedida por María Luisa López Liz.

Nesta fotografía, tomada en Becerreá no ano 1945, cedida polo Fogar Residencial O Cereixal (Becerreá), vemos un lobo entre os veciños, algo excepcional ao tratarse dun animal que escapa da presenza dos humanos. En segundo plano, dúas mulleres sosteñen na cabeza un balde e un cántaro, no que transportaban a diario a auga ás súas casas, un traballo tradicionalmente feminino.

O de limpabotas era un oficio desenvolto por homes e nenos. A maiores de sacar lustro ao calzado, moitos tamén facían arranxos. Na imaxe, tomada en 1951 en Lourenzá, vemos que o sistema empregado era máis sofisticado ao contar cun repousapés integrado na cadeira. Foto cedida por Nélida Cajoto e Rafael Cabeleiro.

Curso de bordado e de máquinas de coser, patrocinado pola marca Singer en Lourenzá, en 1946. Na foto, cedida polo Concello, vemos un grupo formado só por mulleres, as únicas destinatarias deste tipo de formación naquela época.