Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación investirá máis de 3,7M€ na zona sur da provincia a través do Plan Único 2021

plan único
zona sur
Imaxe deputación de lugo
Os concellos de Bóveda, Quiroga, Taboada, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober percibirán estes recursos económicos para mellorar as infraestruturas, fomentar o emprego, e tamén para impulsar o tecido produtivo e asociativo municipal

As bases deste programa de cooperación cos concellos xa foron aprobadas no Pleno de decembro e neste mes abrirase o prazo para que cada entidade local presente os proxectos e accións a financiar cos fondos

A Deputación de Lugo investirá máis de 3,7 millóns de euros na zona sur da provincia a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021. As bases xa foron aprobadas no Pleno de decembro e neste mes de xaneiro abrirase o prazo para que cada municipio poida solicitar os investimentos e accións a financiar con estes fondos provinciais. 
    
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explica que os concellos de Bóveda, Quiroga, Taboada, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober percibirán este recursos económicos para manter e mellorar servizos e infraestruturas, fomentar o emprego e impulsar o tecido produtivo e asociativo, entre outras actuacións encamiñadas a atender as necesidades dos seus veciños e veciñas.

Tomé Roca subliña que o Goberno decidiu subir este ano o Plan Único ata os 21,5M€. Ademais, explicou, “dentro do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos, cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas”. No ano 2020, “decidimos abrir unha nova liña para paliar o impacto da Covid-19, e, nesta ocasión, volvemos a incorporar melloras, de cara a un ano no que os concellos necesitan maior colaboración para combater a crise provocada pola pandemia e favorecer a recuperación social e económica”, subliña.

Neste sentido, o mandatario provincial explica que “a Deputación segue reforzando o seu principal instrumento de cooperación cos concellos. Isto é especialmente importante nun ano no que as entidades locais teñen máis necesidades polos efectos da crise sanitaria, sobre todo aqueles máis pequenos, nos que boa parte da actividade depende dos recursos económicos aportados por esta institución”.

É a primeira vez dende que existe este programa provincial de investimentos que se aprobaron as bases no ano anterior ao seu período de vixencia, algo “moi importante para os concellos, porque lles permite traballar con moita maior previsión, poderán empezar as obras nos meses de primavera e verán, a época máis axeitada para facelo, e tamén terán máis tempo para executar as actuacións que financian con cargo ao Plan Único”, explicou o Presidente.

Ademais, os concellos poderán imputar os gastos de contratación de persoal dende primeiros deste ano ao abeiro do Plan Único 2021, o que favorecerá a creación de postos de traballo. 

Apoio ao tecido produtivo
Outra das novidades do Plan Único 2021 é que, dentro da liña COVID, ábrese unha nova vía de apoio ao sector servizos: hostalería, turismo e comercio, actividades que resultaron das máis gravemente afectadas polo impacto da pandemia e que son o músculo da actividade económica da provincia. Con esta nova medida, “volvemos a demostrar que as políticas da Deputación están pegadas á realidade da provincia de Lugo e que axudan a recuperar os sectores produtivos, dentro das nosas competencias e cos recursos dispoñibles”, asegurou José Tomé.

Estas son as principais novidades do Plan Único 2021, que, polo demais, mantén a súa esencia, como é a distribución dos fondos en función de criterios públicos e obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística. 

Distribución dos fondos por concellos na Zona Sur

Distribución dos fondos por concellos na Zona Sur
CONCELLOS ACHEGA PLAN ÚNICO 2021
Bóveda 246.531,90€

Carballedo

316.785,63€
Chantada 470.462,84€
Monforte de Lemos 500.000,00€

Pantón 

332.813,29€
A Pobra do Brollón 286.865,88€
Quiroga 351.615,40€
Ribas de Sil 229.902,47€
O Saviñao 384.169,04€
Sober 325.369,04€
Taboada 329.540,17€
TOTAL 3.774.055,68€