Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación emite nas redes sociais actividades de educación ambiental da Reserva Terras do Miño

actividades
educación ambiental
Reserva Terras do Miño
A primeira das accións, un obradoiro de produción e cultivo de plantas ornamentais, xa pode visualizarse en youtube na seguinte ligazón https://youtu.be/K9mphtzqTr4

A longo deste mes emitiranse outras tres actividades de sensibilización medioambiental: O Consumo Responsable e Actividades Tradicionais; Científic@s por un Día e A Calidade do Aire

A Deputación de Lugo comeza este sábado a emitir en youtube as actividades de educación ambiental organizadas pola institución no marco do traballo de xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Na iniciativa colaboran a área provincial de Medio Ambiente e o Servizo de Audiovisuais da Deputación, que se ocupa de gravar as distintas actividades da programación. 

A primeira delas é un obradoiro de produción e cultivo de plantas ornamentais, que xa se pode visualizar a través de youtube na ligazón: https://youtu.be/K9mphtzqTr4

Ao longo deste mes, a Deputación organizará outros tres obradoiros de medio ambiente: O Consumo Responsable e Actividades Tradicionais; Científic@s por un Día e A Calidade do Aire. As datas e as ligazóns aos vídeos destas actividades publicaranse na área de Medio Ambiente da web da Deputación de Lugo www.deputacionlugo.gal.  As persoas interesadas en recibir información sobre estes cursos poden inscribirse nunha listaxe de correo na web http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais

Co fin de favorecer a sensibilización medioambiental, os vídeos gravados das actividades estarán dispoñibles en internet durante tres meses para que calquera persoa poida acceder de xeito libre ao contido. 

Con esta nova iniciativa, a institución provincial contribúe a achegar a máis persoas os contidos formativos sobre protección e coidado do medio ambiente que imparte no Centro de Interpretación situado no paseo do Rato para divulgar os valores naturais da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Por mor da actual situación de crise sanitaria, estes obradoiros presenciais tiveron que ser cancelados ou restrinxidos a un número reducido de persoas para minimizar o risco de contaxio por coronavirus.