Deputación de Lugo
Economía

Deputación e Federación poñen en marcha a campaña de dinamización do comercio no Nadal, con 10.000€ en premios

Federación de Comercio
comercio local

Tomé Roca e Seijas López presentaron este martes a nova iniciativa, na que a institución provincial achega 52.000€, para incentivar e promover entre a veciñanza as compras nos comercios de proximidade da provincia durante as datas do Nadal

O Presidente destacou que esta colaboración “enmárcase no compromiso da Deputación de traballar da man cos propios sectores produtivos para axudar na recuperación do emprego e da actividade económica da provincia”

A campaña terá lugar dende o 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Durante estes días, as persoas que merquen nun establecemento da provincia participarán no sorteo de 40 premios por valor de 10.000€, que poderán reinvestir en compras nos comercios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes co presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas López, o convenio de colaboración pola cal a institución provincial achega 52.0000€ á entidade para a campaña Este Nadal, o comercio de Lugo máis preto de ti. Comercio de Lugo Seguro, Nadal Seguro. Trátase da nova iniciativa que poñen en marcha Deputación e Federación de comercio para incentivar e promover entre a veciñanza as compras nos comercios de proximidade da provincia durante o Nadal. 

Tomé Roca e Seijas López aproveitaron o acto para presentar dita campaña de sensibilización e promoción da seguridade nas compras nos pequenos comercios que se enmarca dentro do obxectivo da Deputación de traballar da man co tecido asociativo da provincia e mellorar o actual contexto económico e social derivado da pandemia do coronavirus. 

Tomé Roca destacou que “dende a Deputación vimos colaborando dende xa hai anos coa Federación en programas e accións para visibilizar a calidade do sector, e para incentivar as compras no pequeno comercio, no comercio de proximidade da nosa provincia. Foi sempre unha colaboración importante, pero, dende logo, neste ano é fundamental e imprescindible que desde a institución provincial fagamos esta inxección económica ao sector, tendo en conta que, xunto coa hostalería, o turismo e a cultura, é o que está a sufrir o impacto máis grave polas restricións da crise sanitaria”. 

Así mesmo, o Presidente subliñou que esta nova colaboración enmárcase no compromiso da Deputación de traballar da man cos propios sectores produtivos para axudar na recuperación do emprego e da actividade económica da provincia. Nesta liña, explicou que a institución provincial dedica 30 M€, un terzo do total do Orzamento, a Políticas Sociais “porque cremos que é o mellor modo de garantir a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, sobre todo dos máis vulnerables”. 

“Con esta campaña apoiamos aos 5.500 comercios da provincia nunhas datas fundamentais, pois o Nadal representa un importante volume dos seus ingresos, supoñendo máis do 30% da facturación anual. O comercio de proximidade é un motor fundamental da economía de Lugo, xerador de emprego e riqueza, e dinamiza as rúas e a vida social. Ademais, o comercio da nosa provincia é un comercio seguro”, salientou o mandatario provincial. 

Finalmente, Tomé Roca animou á veciñanza a facer as súas compras de cara ó Nadal nos comercios do seu pobo, da súa vila, do seu barrio, nas tendas que teñen máis preto, coa seguridade de que cada transacción terá así un dobre valor, “o valor do agasallo que lle facemos a familiares ou amigos nun ano tan complicado, e  o valor engadido de saber que contribuímos a manter postos de traballo, a manter o noso estilo de vida e manter a nosa identidade como provincia”. 

Pola súa banda, Seijas apuntou que “neste ano atípico arrincamos esta campaña con máis ilusión ca nunca, porque calquera empuxón que se de ao comercio é un sopro de aire fresco. Deputación e Federación de Comercio volvemos estar unidos para dar resposta ás inquedanzas do sector, concienciando ao consumidor da provincia da necesidade de apostar polo noso comercio, realizando iniciativas que incentiven o consumo e afianzando a confianza dos consumidores amosándolles que os nosos establecementos son totalmente seguros, pois fixemos os deberes”.

Un total de 10.000€ en premios
Este Nadal, o comercio de Lugo máis preto de ti desenvolverase dende o 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Durante estes días, as persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia participarán no sorteo de 40 premios por valor de 10.000€, que poderán reinvestir en novas compras dos comercios adheridos á campaña. Concretamente, serán 20 tarxetas regalo de 300€ e outras 20 tarxetas de 200€. Así mesmo, durante este período os comercios incentivarán as compras nos seus locais con material promocional nas rúas e co hashtag #lugonadal en redes sociais. 

Como participar
Unha vez feita a compra nun comercio local, as persoas interesadas deberán fotografar e rexistrar o seu tícket de compra en www.lugonadal.com ou solicitar o seu rexistro ao comerciante. O sorteo ante notario será o 14 de xaneiro de 2021. Máis información en www.lugonadal.com.