Deputación de Lugo
Medio ambiente

Arranca o ciclo Luis Asorey, co que colabora a Deputación dentro da súa aposta polo desenvolvemento sostible

Luis Asorey
Medio Ambiente
O Deputado de Promoción Económica e Social inaugurou este luns o ciclo de conferencias organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, que nesta edición está centrado nos novos retos na agricultura, gandería, sector forestal e alimentación

As xornadas son gratuítas e online. Pódense seguir en https://bit.ly/3lii3jk

O Deputado de Promoción Económica e Benestar Social, Pablo Rivera Capón, inaugurou este luns o ciclo de conferencias Luis Asorey 2020 que organiza a Real Academia Galega de Ciencias coa colaboración da Deputación. Este ano, as xornadas céntranse na biointensificación, analizando os retos que se presentan actualmente no ámbito da agricultura, a gandería, o sector forestal e a alimentación. A asistencia é gratuíta e as  xornadas son online, podéndose seguir neste enlace: https://bit.ly/3lii3jk.

Rivera Capón subliñou que “dende a Deputación enmarcamos estas xornadas na nosa aposta decidida por xerar oportunidades económicas e de emprego no noso rural, aproveitando os recursos naturais cos que contamos na provincia de Lugo. Apoiamos este ciclo dentro do compromiso da institución provincial coa divulgación e a investigación científica, sobre todo no eido do desenvolvemento urbanístico e territorial sostible”. 

Hoxe celebrouse a conferencia inaugural a cargo do doutor enxeñeiro de montes e catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (USC) e membro de número da Real Academia de Ciencias Antonio Rigueiro, que se centrou nos sistemas silvopastorais e das prácticas silvoecolóxicas sostibles. 

Programación
Martes, 17 de novembro – 19:00 horas
O arquitecto e diplomado en Xestión de Proxectos de Arquitectura en Bioconstrución e socio activo de ESPIGA (Asociación Galega para a Bioconstrución), Víctor González García-Echave, abordará a bioconstrución e as estruturas de madeira. 

Mércores, 18 de novembro – 19:00 horas
Será a quenda de falar sobre a gandería ecoloxía como chave no goberno de agoecosistemas. A conferencia será a cargo de Carmelo García Romero, doutor en Veterinaria e funcionario da Consellería de Agricultura e Medio Ambiente de Castela A Mancha. É membro da Real Academia de Ciencias Veterinarias e vicepresidente da Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE). 

Luns, 23 de novembro – 19:00 horas
A conferencia titúlase Os ciclos virtuosos da materia orgánica, metabolismos e sistemas alimentarios e impartiraa Franco Llobera Serra, da asociación profesional Economías BioRegionales. É membro da Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE), e asesor, formador e prospector da Red de Municipios Agroecológicos TERRAE. Ademais, forma parte do panel de expertos de Bioeconomía Circular e Agroecoloxía do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). 

Martes, 24 de novembro – 19:00 horas
Este día abordarase o papel das administracións públicas como mediadoras e facilitadoras na biointensificación. Será impartida por Xabier Bruña García, enxeñeiro de Montes e Educador Social, e funcionario da Xunta de Galicia. 

Mércores, 25 de novembro – 19:00 horas
A doutora enxeñeira agrónoma, catedrática da Universidade Politécnica de Valencia, e vicepresidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), María Dolores Raigón Jiménez, falará sobre as ventaxas e diferenzas nutricionais dos alimentos ecolóxicos. 

Luns, 30 de novembro – 19:00 horas
Xan Neira Seijo, doutor en Enxeñería Agrónoma, profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e membro da Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA), centrará a súa conferencia nas “vernatopías” e a nova ruralidade.