Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O feminismo e a maternidade centran o Ciberfaladoiro Feminista deste venres, a cargo da xurista Marta Busquets

feminismo
Faladoiros Feministas
A Deputación de Lugo xunto co Foro Feminista Maruxa Mallo retoma esta iniciativa a través de Internet para continuar xerando debates sobre temas sociais dende a óptica da igualdade, implicando á veciñanza da provincia

Os Faladoiros Feministas, organizados pola Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo, retómanse de novo este venres transformados en Ciberfaladoiros, adaptándose así á nova normalidade e dándolle a oportunidade a que todas as persoas que o desexen poidan asistir a través da rede.  O primeiro ciberfaladoiro feminista, que quedara aprazado no mes de marzo pola declaración do Estado de Alarma, abordará a temática do feminismo e a maternidade e estará dirixido pola xurista e activista Marta Busquets. 

Entre os puntos que está previsto abordar neste encontro dixital están os seguintes: a conciliación; o embarazo; o parto; a crianza; a maternidade como feito social, económico e político; e as repercusións de decidir ser nais ou non, entre outros. Marta Busquets é licenciada en Dereito e especializouse en Dereito sanitario, centrado nos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, así como no Dereito en relación coa lactancia e a maternidade. 

A retransmisión será online a través da canle de YouTube de Nomenklaturas Gestión Cultural e a participación farase a través de whatsapp no seguinte número de teléfono: 690.117.254.

Programación
A Deputación de Lugo, xunto co Foro Feminista Maruxa Mallo, continúan impulsando esta iniciativa que ten como obxectivo conectar o feminismo coa veciñanza da provincia de Lugo, propoñendo alternativas para situacións derivadas da estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas. A institución provincial colabora cunha achega de máis de 13.000 euros e tamén coa difusión a través de redes sociais e dos Servizos Audiovisuais provinciais.  

Os Ciberfaladoiros continuarán o 20 de novembro con Carmen Castro, que falará de Feminismo. Ela é economista cunha clara dimensión social e feminista, que se foi desenvolvendo partindo dun compromiso explícito co desenvolvemento socioeconómico desde o principio de igualdade de oportunidades. Carmen Castro é especialista en Políticas Europeas de Xénero e en Estratexia de Mainstreaming de xénero, ademais deexperta internacional en Igualdade de Xénero eempoderamento das mulleres na Administración Pública.

O seguinte Ciberfaladoiro será o 27 de novembro. Será un encontro no que Mabel Lozano presentará por primeira vez en Galicia o seu novo libro PornoXplotación. Mabel Lozano é guionista e directora de cine e desenvólvese como unha voceira contra a trata e a explotación sexual. É autora de varios libros, como El Proxeneta e o que presentará nos Ciberfaladoiros.