Deputación de Lugo
Turismo

Entregados os primeiros premios á excelencia do turismo e a hostalería da provincia de Lugo

Consello Provincial de Turismo
Premios Lugo Cambia
José Tomé Roca presidiu este domingo, no Día Mundial do Turismo, a entrega dos galardóns Lugo Cambia ao turismo lucense e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense á asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel, a Fundación Uxío Novoneyra, O Vicedo, a aplicación Xantarda e ao restaurante Cantábrico da Fonsagrada

"Buscamos darlle ao sector turístico e gastronómico da provincia unha ferramenta de proxección que axude a loitar e sobrepoñerse ante os moi graves efectos da crise sanitaria e queremos que os premios se asenten e tras esta veñan moitas edicións máis”, subliñou o Presidente da Deputación

O mandatario provincial tivo unhas palabras de apoio e solidariedade para os traballadores de Alcoa e das empresas auxiliares que se manifestaban á mesma hora do acto en defensa dos seus postos de traballo

O Presidente da Deputación de Lugo e do Consello Provincial de Turismo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este domingo, no Día Mundial do Turismo, a entrega dos primeiros premios Lugo Cambia ao turismo lucense e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense á asociación de desenvolvemento rural da Serra do Courel, a Fundación Uxío Novonveyra, O Concello do Vicedo, a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada.

O acto tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e contou coa presenza de deputados e deputadas provinciais, do Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo, Mauricio Repetto, do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e dos propios membros do Consello de Turismo. Alberte Cabarcos moderou a gala, que se retransmitiu por streaming na canle dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo. 

Cada un dos premiados recibiu un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós que acredita este recoñecemento público que lles fai o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo. 

José Tomé Roca abriu o acto cunha intervención onde puxo de manifesto a intención e a orixe coa que xurdiron estes galardóns. “Buscamos darlle ao sector turístico e gastronómico da provincia de Lugo unha ferramenta de proxección que axude a loitar e sobrepoñerse ante os moi graves efectos da crise sanitaria, pero tamén queremos que estes premios se asenten e tras esta veñan moitas edicións máis”. 

Tomé Roca reiterou o recoñecemento ao sector pola súa actitude e a súa capacidade de reacción durante a pandemia e lanzou mensaxes con perspectiva de futuro. “Os cinco premiados nesta primeira edición, cada un dende o seu ámbito e coa súa propia receita, comparten algúns trazos que compoñen un plan de traballo cara o futuro. Un plan de traballo que penso que se pode resumir en tres grandes ideas: natureza, tradicións e innovación”. O Presidente tivo palabras para cada un dos premiados e loou o seu incansable traballo e dedicación, tendo en marcha iniciativas propias que os fan competitivos e diferentes a ollos do visitante. 

O mandatario provincial tivo unhas palabras de apoio e solidariedade para os traballadores de Alcoa e das empresas auxiliares que se manifestaban á mesma hora do acto en Xove en defensa dos seus postos de traballo, onde Tomé Roca asegurou que lle gustaría estar de non coincidir con esta cita en recoñecemento da hostalería e turismo lucense. 

A gala estivo amenizada polo músico lucense Bruno Villamor, que tocou varias pezas coa súa zanfona. 

Asociación de desenvolvemento rural Serra do Caurel
O presidente da asociación de desenvolvemento rural Serra do Caurel, Marcos Reinoso, recolleu o premio en nome do colectivo na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense. Na súa intervención salientou que este premio “vén a refrendar o traballo que vimos facendo na defensa do Courel, da súa xente e do turismo sostible na nosa terra”.  

O xurado valorou a dedicación e traxectoria desde colectivo recoñéceselle a súa dedicación e traxectoria profesional e exemplar con continuidade dende o ano 1998, o impulso de accións innovadoras para crear produtos turísticos como o Courel Son ou a posta a disposición de ferramentas Tic como turismocourel.es e vivindocourel.es.  Ademais, desenvolve iniciativas ligadas co turismo sostible e responsable, como a elaboración de guías de boas prácticas, rutas de interpretación ambiental, e entre as múltiples actividades que ten en marcha, traballa pola recuperación dos bens do patrimonio cultural e natural.

Fundación Uxío Novoneyra
O presidente da Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo, foi a persoa que recibiu o galardón na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense. 
“Agradecemos o premio polo agarimo que sempre amosou esta institución cara a nosa Fundación dende o noso nacemento, queremos dedicar o premio ao esforzo dun grupo e xeración que fundamentaron a nosa entidade e aínda teiman dela e dun Lugo posible e soñado”, salientou. 

O Consello premiou a súa dedicación e traxectoria profesional como institución, o desenvolvemento de accións innovadoras en materia de creación de produtos turísticos, o impulso de accións innovadoras e tamén o férreo traballo en prol da calidade turística. 

O Vicedo
O Alcalde do Concello do Vicedo, Jesús Novo, foi o encargado de recibir o premio en nome do municipio que representa na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense. Novo loou a iniciativa dos galardóns e expresou gratitude en nome de todas as persoas que traballan na área de Turismo municipal e á veciñanza do Vicedo por “facer posible cos seus folgos que se fagan accións que hoxe son premiadas”.   

O Vicedo recibe galardón por desenvolver iniciativas e proxectos ligadas ao turismo sostible e responsable. É o caso dos Mércores de Natureza, a través dos que se impulsan actividades de turismo activo, nas que se mesturan accións deportivas, ornitolóxicas, de natureza e xeolóxicas. Tamén pola introdución dun conxunto de medidas para controla e mellorar a experiencia dos visitantes que acoden a coñecer o Fuciño do Porco e, entre outras, impulsar a Romaxe Viquinga, un evento vencellado ao patrimonio e á historia deste municipio da Mariña. 

Xantarda
O fundador de Xantarda-Onde queres ir comer hoxe?,  Alberto García, recolleu o galardón na categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense.

“Quero dedicar este premio á miña muller Alba e á miña filla Icía, foi no confinamento cando levei a cabo esta aplicación que tiña na cabeza dende facía tempo. Isto foi feito grazas aos establecementos da zona e ás institucións de Chantada, a quen lles estou moi agradecido”, afirmou na súa intervención. 

Xantarda resultou distinguida por ofrecer información sobre os restaurantes e bares de Chantada, con información pormenorizada das súas cartas, menús do día, horarios e ubicacións. Un traballo de dixitalización da hostalería local  ofrecendo información actualizada aos visitantes e turistas, achegándoos á cociña de proximidade.

Restaurante Cantábrico da Fonsagrada
O xerente do restaurante Cantábrico da Fonsagrada, José Lombardía Pereira, recibiu o premio na categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense. 

Lombardía, emocionado, tivo palabras para súa muller que leva “unha vida enteira, unha vida dura dedicada ao Cantábrico, seguiremos pelexando nos tempos que veñan para saír adiante”. 

O Consello premiouno por sacar adiante accións de promoción e fomento do consumo de produtos autóctonos por parte de empresas de restauración, profesionais independentes, entidades e colectivos públicos ou privados. Así mesmo, é o primeiro restaurante do país certificado polo CRAEGA para promover cogomelos silvestres de Monte Ecolóxico e fomenta nos seus menús a cociña de proximidade.