Menu toggle
Medio Rural e do Mar

Cada unha das catro liñas estratéxicas da área de Medio Rural, Mar e Mocidade desenvólvense segundo os seguintes puntos:

1. Mellora da competitividade das granxas e explotacións agrogandeiras, forestais e pesqueiras, dos seus produtos e dos seus respectivos transformados ou elaborados

  • Mellora da estrutura das explotacións nos sectores afectados, a través do apoio aos investimentos para a súa modernización e á incorporación das novas tecnoloxías ás mesmas, de cara á mellora das rendas e das condicións de traballo, e de calquera actuacións que redunden nunha maior viabilidade daquelas e no peche dos ciclos produtivos.
  • Promoción da innovación tecnolóxica e mellora da calidade e seguridade dos produtos agroalimentarios mediante o establecemento de sistemas de certificación da mesma e da trazabilidade da cadea alimentaria ou na introdución nas melloras de etiquetado e envasado destes produtos.
  • Incremento da dimensión territorial das explotacións e fomento das interrelacións mutuas, o que deriva no apoio ás actividades das asociacións e cooperativas na prestación de servizos ás explotacións, como o asesoramento en manexo, alimentación, reprodución, e sanidade animal e vexetal; o abastecemento de insumos e a comercialización de produtos, de maquinaria, de asesoramento e de substitución; así como ao establecemento de relacións estables entre produtores e industrias por medio de accións de interese común.
  • Fomento das producións de calidade, en especial as ligadas á orixe ou ao modo de produción, o que contribuirá á consolidación das producións básicas (carne, leite, viño, produtos da horta, etc.) e os seus transformados (queixo, iogur, licores ou bebidas embotelladas, produtos elaborados de cuarta gama, etc.).
  • Promoción e posta en valor dos nosos produtos agrícolas, forestais, gandeiros e do mar.
  • Oferta de aceso á formación continua e á potenciación dos cursos innovadores nas profesións dos amentados sectores, que sexan froito da planificación conxunta entre empresas, asociacións, cooperativas, entidades e a Deputación, a través de distintos métodos, e sen esquecer a relevante achega que aos mesmos poden facer os traballadores de idade avanzada, con ampla experiencia nas distintas ocupacións. Poñerase a disposición dos agricultores/as e gandeiros/as as ferramentas necesarias para a súa formación, como base fundamental e indispensable para a profesionalización de sectores estratéxicos como a gandería extensiva (ovino e cabrún).
  • A educación e a concienciación é outro aspecto fundamental. Coa promoción de accións encamiñadas á mocidade do rural adquiran unha maior autoestima, preténdese inverter a idea que teñen que marchar e escapar do fogar rural familiar. A maior parte da sociedade entendía o rural como un espazo ao que ir na fin de semana que conserva valores tradicionais e naturais moi importantes. Pero por desgraza, a visión actual dos espazos rurais é negativa e problemática e temos que tender a mudala antes que sexa demasiado tarde. Programas de visitas guiadas desde os centros escolares ata as granxas permitirán dignificar e poñer en valor o traballo dos nosos/as agricultores/as para que poidan coñecer o papel fundamental que teñen para o mantemento da biodiversidade, do territorio, da paisaxe e da tradición agraria como elemento identitario da nosa cultura. Temos que afastar o estigma social que os propios agricultores/as e gandeiros/as lle transmiten ás xeracións vindeiras.

 

2. Apoio á sustentabilidade, diversificación e multifuncionalidade dos sectores agrario, gandeiro, forestal e pesqueiro

  • Fomento da diversificación produtiva e promoción e difusión das pequenas producións agrarias artesanais e/ou tradicionais que permitan xerar ingresos por rendas complementarias ao fronte das granxas. 
  • Creación dunha plataforma de promoción e apoio aos pequenos/as agricultores/as e gandeiros/as locais que poidan ofrecer os seus produtos agroalimentarios e artesanais de excelente calidade diferenciada e contrastada directamente ao consumidor final con todas as garantías sanitarias, como punto de partida para xerar un valor engadido que asegure unha renda xusta e digna polo seu traballo. Igualmente estableceremos convenios de apoio á promoción destes alimentos diferenciados.
  • Axudas á posta en valor, recuperación e difusión das feiras e mercados tradicionais coa posta en valor das canais curtas de distribución e dos mercados locais que permitan distribuír e vender estas pequenas producións locais entre estes grupos de consumo próximo, co fin de reducir a pegada de carbono e que sexan sostibles no tempo.
  • Apoio á xeración dos valores públicos creados pola actividade agraria, por medio do establecemento de contratos de agricultura sustentable baseados en compromisos ambientais, territoriais e sociais das explotacións implicadas, e do fomento da produción ecolóxica.
  • Fomento da concienciación ambiental e a agricultura, gandería e pesca sustentables.
  • Protección e desenvolvemento dos recursos marítimo-pesqueiros, no marco dun sector pesqueiro sustentable e do fomento da economía circular.
  • Contribución de xeito sustentable á mellora da xestión ou conservación dos recursos pesqueiros.
  • Fomento da diversificación produtiva e promoción e difusión das pequenas producións dos nosos montes: apicultura, setas e cogomelos, aproveitamentos resinosos, madeira, aproveitamento silvopastoril con gandería extensiva: cabalar, vacún, ovina, cabrúa, porcina, etc.
  • Fomento do desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras, a través do apoio a proxectos de pesca-turismo (reconversión de barcos, promoción turística da pesca de baixura, etc.), ao estudio e posta en funcionamento de reservas mariñas, elaboración de plans conxuntos de xestión e comercialización e á calquera tipo de actividades que redunden na concienciación medioambiental.
  • O respecto medioambiental e polo entorno que nos rodea no ámbito rural tamén nos conduce a establecer programas de colaboración cos concellos da provincia para a posta en marcha plans e proxectos que incidan no respecto e posta en valor do noso patrimonio natural e histórico como motor de outros sectores como o turístico e que permiten incidir na fixación de poboación no rural. Proxectos como os composteiros mancomunados permiten fomentar as bases de economía circular e pechar o ciclo de residuos como as podas e restos vexetais da limpeza de áreas verdes, que deste xeito voltan a ser reutilizados ao introducilos no ciclo de vida como fertilizantes agrarios.

 

3. Promoción da diversificación económica, da rehabilitación e consolidación dos amentados sectores, e da mellora da calidade de vida nas zonas rurais

  • Redución ou minimización dos problemas da crise demográfica existentes en grande parte do territorio rural da provincia, e que están ligados ás limitacións na xeración de valor pola agricultura, a gandería e a pesca, e que precisan dunha diversificación e xeración de novas actividades nestas zonas, que melloren a calidade e condicións de vida nas mesmas.
  • Impulso de programas para a creación de bancos de explotacións agrarias e bancos de casas en venta ou alugueiro nos concellos con peores condicións demográficas da provincia de Lugo, que permita poñer en coñecemento das persoas interesadas, as diferentes opcións que dispoñen para instalarse e/ou asentarse coas súas respectivas familias. 
  • Ampliación dos produtos e servizos existentes no mercado, fomentando a diversificación da produción, a recuperación de razas e produtos tradicionais, e a potenciación dos produtos autóctonos a través dos consellos reguladores e as denominacións de orixe, contribuíndo deste xeito á mellora da posición no mercado dos produtos con distintivo de calidade.
  • Desenvolvemento de vínculos entre o mundo do traballo, a educación e a formación (a través de ciclos de conferencias ou visitas guiadas en centros educativos, asociacións veciñais e asociacións empresariais, entre outros), o que garantirá a incorporación de novos agricultores, gandeiros e pescadores, e o relevo xeracional.
  • Promoción de actuacións experimentais, en escolas obradoiro e casas de oficios, en actividades de utilidade pública e interese social, especialmente nas que contribúan a rehabilitar as profesións dos sectores agrario, gandeiro, forestal e pesqueiro.
  • Xeración de alternativas ao abandono da actividade nos devanditos sectores, fomentando o asociacionismo, as novas vías de comercialización dos produtos e calquera actuación que redunde naquel obxectivo e na promoción do relevo xeracional, que se levará a cabo, entre outros, a través do apoio a programas de instalación dos mozos.
  • Apoio ás accións formativas específicas das profesións relacionadas cos sectores citados, que contribúan á consolidación dos mesmos e á profesionalización dos seus membros.

 


4. Mellora da xestión das terras por medio da ordenación de usos, a redución das abandonadas e a ampliación da dimensión territorial das explotacións

  • A ordenación do territorio é unha materia pendente. Son imprescindibles programas de mantemento da superficie agraria útil e recuperación de zonas de monte abandonadas ou improdutivas, con axudas para o fomento de roza ou xestión sostible con especies leñosas autóctonas, labores de pastoreo, aproveitamento silvopastoril ou similares que reduzan ao mínimo os riscos de incendios a causa da elevada biomasa por abandono dos nosos montes. 
  • Faise necesario tamén o apoio directo ás comunidades de montes veciñais en man común, xa que os montes veciñais en man común son unha oportunidade de desenvolvemento. Resulta chocante que nun país onde o 23% do territorio é comunal, a porcentaxe de persoas que saben como funcionan as comunidades de montes é ínfima. Queremos emprender un plan de formación e información para contrarrestar esta tendencia.
  • Apoio á planificación forestal, á xestión ordenada dos usos e actividades no rural, á comercialización da madeira polos produtores, e aos sistemas de certificación forestal; así como fomento do cumprimento da normativa en materia de ordenación dos arboredos, e da mellora destas superficies a través de distintos mecanismos, como o impulso da recuperación de especies autóctonas, a recuperación de terreos abandonados, ou o apoio a asociacións para a súa xestión en común, todo o cal contribuirá á superación do minifundismo e a evitar o abandono, en parte, da superficie forestal.
  • Promoción da mobilidade produtiva das terras agrarias a través do fomento dos arrendamentos rústicos como xeito de promover a ampliación da superficie das explotacións e a transferencia produtiva das terras, e da constitución de Bancos ou Fondos Públicos de terras nos concellos.
  • Fomento do aproveitamento enerxético das terras agrarias a través da promoción de cultivos enerxéticos que deriven nunha nova utilización daquelas, e a utilización da biomasa da matogueira e dos residuos forestais como modo de valorización e de prevención de incendios.
  • Redución do risco de incendios forestais por medio de accións que promovan unha maior utilización do monte, coa realización de labores de prevención e infraestruturas de defensa, tales como as franxas de protección; así como mediante o establecemento de sistemas agroforestais por combinación de producións forestais e gandeiras.