Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Pleno aproba por unanimidade a distribución de fondos do Plan Único 2020, que inxectará máis de 24M€ na provincia

plan único
Pleno
Preto do 64% dos recursos do principal instrumento de cooperación da Deputación destínanse a 329 obras e subministracións que teñen como finalidade mellorar e acondicionar estradas, accesos a núcleos de poboación e pavimentación de vías públicas

Crearanse preto de 300 postos de traballo en 59 concellos da provincia a través dunha das liñas máis importantes do plan, que axuda a que se asente poboación no rural e a veciñanza poida permanecer nos seus municipios

Para combater os efectos da crise do coronavirus, os concellos acolléronse á nova liña do Plan Único que decidiu abrir o Goberno da Deputación destinando 1,2M€

A voceira socialista do Goberno explicou que este programa, que segue criterios obxectivos no reparto de fondos, serve para dotar de capacidade de actuación aos pequenos municipios para afrontar accións que por si sós non poderían

O Pleno ordinario do mes de xullo da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2020, e que suporán unha inxección de máis de 24M€.  Os municipios priorizan os investimentos -aos que dedicarán preto do 64% do total dos fondos-, seguido de iniciativas para a creación de emprego e de medidas sociais e económicas para combater a Covid-19, unha nova liña que o Goberno da Deputación decidiu incluír este ano para axudar ás entidades locais a facer fronte aos efectos da crise sanitaria.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que o Plan Único amosa a capacidade de xestión da Deputación de Lugo para poñerse ao servizo dos concellos. “Este programa serve para dotar con fondos económicos aos concellos e darlles capacidade de actuación, xa que a maioría son concellos pequenos e por si sós non poden afrontar moitos investimentos”, explicou. Así mesmo, subliñou que o Plan Único “é unha medida axustada e atinada”, e apuntou que é “un modelo a seguir para outras administracións que aínda non contan con ferramentas deste estilo”.

Aínda que todos os grupos da Corporación provincial deron luz verde á distribución dos fondos do Plan Único, á hora de aprobar o trámite administrativo imprescindible para poder levalo a cabo, como é a adaptación das partidas do Orzamento 2020 ás solicitudes dos concellos, o PP decidiu absterse, unha postura “contraditoria”, segundo puxo de manifesto a Deputada de Economía e Facenda, Mayra García. “Os concellos poderán executar os investimentos previstos, pero non será grazas ao apoio do Partido Popular”, subliñou.

As prioridades dos concellos
Para o Plan Único a Deputación achega dos seus orzamentos 21,3M€ que, sumando as achegas dos concellos, consegue inxectar na sociedade e na economía da provincia máis de 24M€ de fondos públicos. Os concellos presentaron as súas propostas para destinar esta achega da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); fomento do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras,mercados e análogos; administración electrónica e protección de datos; protección civil; e emerxencia sanitaria coronavirus Covid-19.

Dos 21,3M€ do programa, 15,2M€ vanse destinar a investimentos. Destacan as melloras e acondicionamento de estradas, accesos a núcleos de poboacións e pavimentación de vías públicas. En total son 329 obras ou subministracións, repartidas entre os 67 concellos da provincia. 

En relación co fomento do emprego, os municipios destinarán 3,6M€ a impulsar iniciativas que permitan a creación de postos de traballo no municipio. Un programa moi importante que permite que as persoas consigan asentarse no lugar onde residen e combater a caída demográfica. En total, vanse realizar 297 contratacións en 59 concellos da provincia.

Con motivo da declaración do Estado de Alarma e a crise sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus Covid-19, a Deputación tomou a decisión de incorporar unha nova liña para que as entidades municipais puidesen facer fronte a gastos correntes derivados desta situación. En total, os municipios destinan máis de 1,2M€ para actuacións moi diversas. Por exemplo,  a compra de material de protección, adecuación dos lugares públicos ou reforzar os servizos sociais para atallar as necesidades que xorden nos concellos.

En materia de servizos sociais, o Plan Único é o instrumento a través do que a Deputación financia o Servizo de Axuda no Fogar. Os concellos investirán máis de 3M€ a esta prestación. A día de hoxe aténdense a máis de 3.000 veciños e veciños ao abeiro deste servizo, que  inclúe un conxunto de atencións e coidados moi variados.En cada caso, realízase unha valoración técnica que ditará que tipos de actuacións son necesarias levar a cabo para dar unha resposta o máis axeitada posible. Entre esas actuacións inclúense atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria no domicilio, acompañamento e seguimento de tramitacións e atencións de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, entre outras, que contribúan a mellorar a calidade e ritmo de vida que levan.

Ao abeiro do Plan Único os concellos incluíron actividades ou eventos de promoción turística. Para este programa destinaranse 167.480€ para o total dos municipios, entre os que destacan spots publicitarios, impulso de novas rutas, sinalización turística, plans de redes sociais ou campañas en medios de comunicación, entre outras. 

Este ano os concellos seguen apostando por investir na administración electrónica e protección de datos, programa que ascende a 140.737€, superando a cantidade do ano anterior  de 105.000€. 

O Plan Único tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil ao que poden acceder aqueles concellos que dispoñen destas agrupacións. Neste programa este ano vanse incluír gastos correntes relativos a estas unidades que ascenden a 16.000€.

En canto ao programa relativo a feiras, mercados e outros, nesta anualidade os municipios decidiron destinar preto de 112.000€. Pola súa banda, en actividades culturais tales como escolas de música, teatro ou actuacións ou eventos que se celebren no ano 2020, o orzamento ascende a 278.730€. 

A Deputación fomenta, así mesmo, o deporte a través deste plan de cooperación. Un total de 148.058 € van destinados a gastos de escolas deportivas, cursos de ximnasia, carreiras populares ou calquera outro evento co espírito de promover os hábitos saudables dende a óptica deportiva. 

No que se refire ao programa de reto demográfico, ningún concello solicitou axudas nin presentou proxectos. 

Autonomía e responsabilidade municipal
Con este programa de investimentos a Deputación de Lugo dá resposta a situacións e necesidades concretas de cada concello, reforzando a súa autonomía e responsabilidade xa que son eles os que deciden en que e como gastar as achegas.  Ponse de manifesto que a cooperación entre administracións é a canle para satisfacer as necesidades dos veciños e veciñas da provincia de Lugo, en accións de gobernanza, deseñadas e aplicadas pensando nas persoas. 

O Plan Único de Cooperación cos Concellos garante a distribución de fondos públicos con total transparencia e con criterios obxectivos, o que favorece a equidade e o desenvolvemento equilibrado da sociedade e do territorio. É a mellor mostra de que a suma de esforzos, entre Deputación e os Concellos, multiplica os resultados. A día de hoxe é unha fonte de recursos fundamental para impulsar o desenvolvemento e a cohesión social e territorial dos 67 concellos de Lugo a través da dotación, a mellora e o mantemento de servizos e infraestruturas.