Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación e o Concello de Pedrafita do Cebreiro dan un paso máis para a apertura da residencia

José Tomé Roca
PEDRAFITA DO CEBREIRO
Residencias
Firma convenio residencia Pedrafita
O Presidente e o Alcalde asinaron este venres o convenio de colaboración para a xestión pública do Centro de Atención a Maiores, para o que a institución provincial ten licitado o equipamento por preto de 200.000€ coa previsión de abrilo este ano

“Seguimos cumprindo cos compromisos adquiridos cos concellos en materia de residencias, avanzando con feitos e demostrando que o modelo de xestión pública, de proximidade e de calidade asistencial é o sistema que funciona”, subliñou José Tomé

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luís Raposo Magdalena, asinaron este venres no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello para a posta en marcha do Centro de Atención a Maiores neste municipio. Este supón un paso máis no procedemento administrativo para abrir a residencia desta localidade, un feito que se producirá antes de finalizar o ano segundo as previsións da institución provincial. 

Nestes momentos, a Deputación ten en marcha a contratación do equipamento deste centro cun orzamento de preto de 200.000 euros e ó longo deste mes iniciaranse tamén todos os trámites pertinentes que permitirán a xestión pública da dotación social.

Deste xeito, e a pesar da incidencia que tivo a pandemia do coronavirus nos procedementos administrativos, que se viron suspendidos durante os tres meses do Estado de Alarma, “estaríamos en condicións de abrir a residencia a finais de ano, cumprindo así co compromiso que fixemos cando aprobamos os Orzamentos deste 2020: poñer en marcha o Centro de Atención a Maiores de Pedrafita este ano”, subliñou o Presidente. 

José Tomé destacou que, “asinando este convenio co Concello de Pedrafita, seguimos cumprindo cos compromisos adquiridos cos concellos en materia de residencias, avanzando con feitos, e demostrando que o modelo de xestión pública, de proximidade e de calidade asistencial é o sistema que funciona”.

Este convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Pedrafita do Cebreiro establece a xestión pública do centro que dispón de 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. As obras están rematadas e resta dotala de equipamento. 

O acceso ás prazas será de xeito preferente para os veciños deste municipio; en segundo termo para os municipios limítrofes ou da comarca; e posteriormente para lucenses en xeral. Todos os veciños e veciñas que o desexen, poderán acceder a estas prazas, independentemente da súa situación económica, posto que pagarán en función dos recursos dos que dispoñan. 

A día de hoxe, están en funcionamento as residencias de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada. Durante este primeiro ano de mandato, o Presidente asinou o convenio marco de colaboración co Concello de Castroverde, para a apertura deste centro a finais de ano; o protocolo con Pantón para a construción da residencia neste municipio; iniciáronse as obras de construción da residencia de Guitiriz na Casa da Botica e a Deputación tamén recibiu de SUPLUSA o edificio da residencia de Meira.