Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación abre o prazo de presentación de candidaturas aos premios Lugo Cambia de turismo e hostalería

Pilar Garcia Porto
Lugo Cambia
turismo
hostalería
Imaxe deputación de lugo
A institución provincial quere recoñecer con estes galardóns o traballo de persoas, empresas e institucións en favor da promoción do turismo e a innovación na hostalería

O prazo para presentar as candidaturas rematará o 21 de agosto. As bases e a convocatoria pódense consultar no Boletín Oficial da Provincia do 7 de xullo e na web www.turismo.deputacionlugo.gal

A Deputación de Lugo abre desde mañá mércores o prazo de presentación das candidaturas aos premios Lugo Cambia de turismo e hostalería, logo de publicar hoxe as bases e a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A institución provincial convoca dúas modalidades; o premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense e o premio ...E Para Comer, Lugo á gastronomía lucense para recoñecer e poñer en valor o traballo feito por persoas, entidades ou institucións a favor da promoción turística da provincia, así como as actuacións innovadoras no mundo da hostalería.

A estes premios poderán optar as persoas físicas ou xurídicas, a título individual ou colectivo, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das dúas modalidades destes premios. Os galardóns, con carácter honorífico, consistirán neste primeiro ano nun diploma acreditativo e nun agasallo. 

O prazo para presentar as candidaturas remata o vindeiro 21 de agosto. As bases dos premios pódense consultar na web da Deputación www.turismo.deputacionlugo.galPara máis información pódese contactar no enderezo electrónico turismo@deputacionlugo.org ou no número de teléfono 982.26.01.20.

Os premios Lugo Cambia de turismo e hostalería acordáronse no seo do Consello Provincial de Turismo e no marco do Plan Estratéxico de Turismo que ten en marcha a Deputación e serán entregados nun acto público o 27 de setembro, Día Mundial do Turismo. 

Os premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense recoñecerán a dedicación e traxectoria profesional exemplar de profesionais, colectivos, institucións ou empresas turísticas ou o labor que desenvolvan persoas físicas en calidade de embaixadoras da provincia de Lugo. Tamén premiarán o desenvolvemento de accións innovadoras en materia de creación de produtos turísticos singulares, novos ou de éxito, de accións de promoción innovadoras ou de iniciativas ligadas ao turismo sostible ou responsable así como a actuacións que contribúan á accesibilidade, física ou intelectual, aos recursos  turísticos da provincia de Lugo e accións en materia de recuperación de bens do patrimonio cultural ou natural e embelecemento da paisaxe ou do medio rural ou urbano. Baixo esta modalidade tamén poden optar ao premio traballos en prol da calidade turística, traballos de investigación turística e publicacións científicas ou xornalísticas ou a creación de ferramentas TIC que repercutan positivamente na experiencia das persoas visitantes ou na xestión das empresas turísticas.

Os premios …E para comer Lugo, á gastronomía lucense recoñecerán o traballo ou traxectoria exemplar de profesionais, colectivos ou empresas de hostalería, o labor de asociacións produtoras, empresas de restauración, consellos reguladores ou outras entidades na promoción dos produtos autóctonos lucenses. Baixo esta modalidade tamén poden optar aos galardóns as accións formativas dirixidas a profesionais da gastronomía baseadas no uso de produtos locais, accións de fomento do consumo de produtos autóctonos, así como os traballos de investigación ou publicacións científicas ou xornalísticas baseados na divulgación dos produtos locais, na recuperación de receitas, usos ou costumes tradicionais ligados á gastronomía lucense e na proposta de accións que exploren novas fórmulas para a combinación de tradición e vangarda na preparación dos produtos gastronómicos autóctonos.