Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación apoia con 380.000€ o Campus Terra para afianzar e potenciar a súa excelencia

Pablo Rivera Capón
Campus Terra
cabinas sanitarias
Rolda Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago a través do que se impulsarán accións que fomenten a formación, a investigación, a innovación e favorezan o incremento do alumnado

O Deputado de Promoción Económica e Social avanzou que a institución renova este compromiso froito da súa aposta pola educación pública e de calidade, por ofrecer facilidades de acceso á mesma, contribuíndo á igualdade de oportunidades

A sesión deste venres tamén lle deu o visto bo á contratación do aluguer de catro cabinas sanitarias móbiles, ao seu mantemento e limpeza diaria para instalalas no entorno do Paseo do Río Rato e dos Hortos Urbanos dos parques do Río Rato e de Paradai

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, informou este venres de que a Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela de 430.000€, dos cales a institución provincial achega 380.000€ e a entidade académica 50.000€. Rivera Capón explicou que serán para afianzar e potenciar a excelencia académica do Campus Terra a través de accións que fomenten a formación, a investigación, a innovacióne o incremento do alumnado.

“Este é plan de apoio ao Campus desenvolvémolo dende o ano 2014. Dámoslle continuidade porque apostamos pola educación pública e de calidade, por ofrecer facilidades de acceso á mesma, contribuíndo á igualdade de oportunidades dende unha administración pública coma a nosa”, subliñou o Deputado. Rivera Capón incidiu en que “a Universidade, o noso Campus, é un dos motores da provincia, tanto polo impacto directo que ten sobre a economía a súa actividade, como pola transferencia de coñecementos á sociedade, á ciencia e ao noso tecido produtivo”.

As accións que inclúe o convenio teñen como obxectivo promocionar Lugo como cidade universitaria e as titulacións do Campus, captación de estudantes doutras nacionalidades, apoio para o desenvolvemento das prácticas, fomento das titulacións de máster, potenciación dos cursos de verán, impulso da divulgación científica e, entre outras, mellora das instalacións universitarias. 

O Campus “contribúe a unha especialización e profesionalización do noso rural, e posibilita que os nosos mozos e mozas estuden unha profesión que lles facilita asentarse no rural lucense e mellorar as nosas explotacións”, manifestou Rivera Capón. Así mesmo, o Deputado lembrou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que ademais deste convenio que a institución provincial aprobou hoxe, dende a Deputación se colaboracoa Universidade con numerosos proxectos, como os que se desenvolven na Granxa Gayoso Castro, onde fai prácticas o alumnado da Facultade de Veterinaria e da Escola de Enxeñaría.  


Rivera Capón expuxo que “estamos a facer un importante investimento para a construción e dotación dun centro experimental de leite en colaboración coa USC, no que investimos 1,3 millóns de euros para que estudantes e investigadores fagan prácticas e realicen proxectos que contribúan á redución dos custos na produción láctea. Un centro que estará a disposición do Campus Terra co que queremos garantir, ademais, que a Facultade de Veterinaria manteña o seu tan merecido recoñecemento internacional”.


Cabinas sanitarias
Na Xunta de Goberno deste venres tamén se aprobou sacar a contratación o aluguer de catro cabinas sanitarias autónomas móbiles, totalmente accesibles, e o seu mantemento e limpeza diarias para a súa instalación no entorno do Paseo do Río Rato e dos Hortos Urbanos dos parques do Río Rato e de Paradai. O orzamento do contrato é de 23.562€ e a súa duración prolongarase ata o 2023.

Estas cabinas sanitarias deben instalarse en menos de 15 días dende que se adxudiquen para dar servizo ao paseo do Rato e aos hortos urbanos.

En canto ao proceso de adxudicación dos hortos, o Deputado informou de que “xa rematou o prazo para presentar alegacións e non se presentou ningunha, agora estamos no proceso de repartir as parcelas dispoñibles e estámolas acondicionando -tarefas de desbroces, principalmente- para que no momento no que as persoas vaian traballalos estean en condicións óptimas”. Estímase que no mes de xullo se concedan e os beneficiarios xa poderán facer uso dos 150 hortos do Parque do Rato e dos 34 do Parque de Paradai. 

Pola outra banda, a sesión do Goberno aprobou a resolución do contrato de conservación da Zona 4 da rede de estradas da Deputación e aprobou tamén unha nova licitación deste servizo para o período 2020-2021. O contrato é dun ano, prorrogable por 3 meses, e o orzamento base de licitación ascende a 419.857€ para o que queda do 2020 e para o 2021.

No mes de xaneiro, a empresa adxudicataria da conservación de estradas da Zona 4 presentou unha comunicación na que indicaba a non dispoñibilidade de medios para executar o contrato. Por iso, a Deputación tomou a decisión de resolvelo e sacar esta nova adxudicación.

Este lote da Zona 4 correspóndese cos concellos de Monterroso, Antas de Ulla, Portomarín, O Páramo, Sarria, Paradela, Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín e Palas de Rei.