Deputación de Lugo
Formación

O Centro de Formación Audiovisual da Deputación abre o 22 de xuño o prazo de preinscrición para o curso 2020-2021

Servizo de Audiovisuais
Centro de formación audiovisual
Foto arquivo audiovisual.IMG01

A Xunta de Goberno aprobará mañá o número de prazas -20 por ciclo-, o calendario e os requisitos para a matrícula no CFA, que será gratuíta un curso máis, agás para os repetidores

Tanto o número de prazas, como os horarios, en quendas de mañá e tarde, poderían modificarse en función da evolución da Covid-19 para garantir a seguridade do alumando e do persoal

As persoas interesadas atoparán o impreso de preinscrición na sede do centro e na web www.deputacionlugo.gal trala publicación definitiva de admitidos, a matrícula ordinaria poderá formalizarse do 15 ao 30 de xullo

A Xunta de Goberno da Deputación aprobará mañá venres o número de prazas, o calendario e os requisitos da matrícula nos ciclos superiores de Produción e Realización para o curso 2020-2021 do Centro de Formación Audiovisual do Servizo de Audiovisuais, a antiga Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC.

A Deputación ofrece 20 prazas para cada un dos ciclos, aínda que este número queda condicionado pola evolución da Covid-19, así como a organización das clases en quendas de mañá e tarde, co obxectivo de garantir a seguridade do alumnado e do persoal do centro formativo.

A matrícula será gratuíta por décimo terceiro curso consecutivo, agás para os repetidores. Deste xeito, a Deputación segue a apostar por un ensino de calidade e en igualdade de condicións para todos os mozos e mozas lugueses interesados en formarse no eido audiovisual, independentemente da situación económica das súas familias.

Calendario e requisitos
O prazo de preinscrición estará aberto do 22 de xuño ao 3 de xullo. Os interesados deberán presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso que atoparán na webwww.deputacionlugo.gal ou no propio centro. A documentación debe entregarse na sede do CFA, na rúa Frei Plácido Lemos s/n de Lugo.

O 7 de xullo publicarase, no taboleiro de anuncios do centro e na web da Deputación, a listaxe provisional de admitidos, de solicitantes que quedan en lista de espera e de excluídos. Do 8 ao 10 será o prazo para as reclamacións, e o día 14 publicarase a lista definitiva de admitidos, en espera e excluídos. A matrícula ordinaria poderá formalizarse do 15 ao 30 de xullo no centro educativo, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

No caso de que haxa máis demanda que número de prazas, a prioridade para a matriculación será a seguinte: solicitantes con titulación de bacharelato que se determine para cada ciclo; titulación dunha modalidade de bacharelato distinta; de técnico superior; e universitaria. Dentro de cada colectivo darase prioridade a quen se matricule por primeira vez no ciclo; quen teña a maior nota media no expediente académico; e ao sexo menos representado no ciclo formativo solicitado na matrícula do curso anterior.

550 titulados cunha formación personalizada
Desde a posta en funcionamento da antiga Escola de Imaxe e Son en 2003, arredor de 550 mozos e mozas son titulados dos ciclos de Produción e Realización do centro dependente da Deputación. O seu modelo formativo inclúe un importante número de prácticas en escenarios reais ao longo de todo o curso, nas que o alumnado se enfronta ás esixencias que atopará cando acceda ao mercado laboral. Os grupos dos ciclos son pouco numerosos, o que permite unha formación personalizada. Ademais, o CFA conta cun profesorado altamente cualificado apoiado por técnicos profesionais con ampla experiencia no eido audiovisual, e unhas instalacións e dotacións modernas, con platós e salas de realización e son.