Deputación de Lugo
Turismo

Aberta a inscrición do plan formativo para profesionais do comercio, hostalería e turismo dentro da campaña EN LUGO, SI

plan formativo
turismo
comercio local
O programa de formación online ten como obxectivo apoiar aos negocios e ao seu cadro de persoal na implantación de medidas de seguridade, garantindo a comodidade e o benestar do cliente

Esta acción ten unha duración de 20 horas e contará con 300 prazas, que se habilitan para as empresas dos concellos de menos de 20.000 habitantes. A primeira sesión formativa está prevista para o vindeiro 15 de xuño

A campaña EN LUGO, SI incluirá accións tanto para os propios negocios e profesionais co fin de dotalos de ferramentas para facer fronte á nova normalidade, como para a cidadanía co fin de reactivar a demanda e o consumo

A Deputación de Lugo abriu este luns o prazo de inscrición no programa formativo para negocios e profesionais do comercio, a hostalería e o turismo que organiza a institución dentro da campaña EN LUGO, SI, dirixida a favorecer a reactivación destes sectores dunha maneira estable e eficaz ante a crise da COVID-19. 

Esta acción, a primeira da campaña EN LUGO, SI, realizarase en liña a través de Internet a partir do día 15 de xuño, e está pensada para apoiar ás empresas e traballadores na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias, garantindo a comodidade e o benestar do cliente.

Inscricións

As inscricións deben formalizarse ata as 23:59 horas do día 14 de xuño na web: https://noainnova.com/curso-en-lugo-si/.

As prazas daranse en rigoroso orde de inscrición, polo que se aconsella cumprimentar a documentación nos primeiros días para non quedar sen praza.

O plan formativo, de 20 horas de duración, conta con 300 prazas e está dirixido aos negocios dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, en tanto que o Concello de Lugo xa ten o seu propio programa.

As persoas que se inscriban deben cumprimentar unha ficha cos seus datos persoais e con datos que acrediten que pertencen á empresa na que traballan.  

Diploma de Establecemento Seguro

A Deputación entregará un diploma que acreditará que os negocios participantes realizaron esta formación e son, polo tanto, establecementos seguros.

Campaña EN LUGO, SI

A campaña EN LUGO, SI impulsada pola Deputación de Lugo, na que se enmarca esta acción de formación, ten como obxectivo reactivar, dunha maneira estable e eficaz,o comercio local, a hostalería, o turismo, e o conxunto dos sectores produtivos da provincia, para saír o máis rápido e da mellor maneira posible da crise provocada polo coronavirus. 

A marca EN LUGO, SI creada pola Deputación simboliza e reflicte todos os valores e fortalezas que ten a provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, para pasar as vacacións, pero tamén para emprender.

A campaña incluirá accións dirixidas, por un lado, aos propios negocios, traballadores e profesionais dos sectores produtivos, para dotalos das ferramentas que precisan para facer fronte á denominada nova realidade e, por outro, iniciativas dirixidas á cidadanía, difundindo, os valores e fortalezas da nosa provincia e do seu tecido produtivo.