Deputación de Lugo
Innovación e TIC

O alumnado do SdeA da Deputación realiza prácticas innovadoras durante o confinamento como Conversas Audiovisuais dende a Casa

Servizo de Audiovisuais
prácticas servizo de audiovisuais.IMG01

Os estudantes de 1º de Realización entrevistan en directo, de luns a xoves ás 18:30 a través de Instagram, a profesionais do audiovisual galego, e despois editan as conversas para a súa publicación en Facebook e Youtube

Esta práctica sérvelles para levar a cabo todo o proceso necesario nun programa de entrevistas en televisión e coñecer de primeira man a experiencia de profesionais en activo do sector

A produtora do Servizo de Audiovisuais está a traballar dende o inicio do estado de alarma coa elaboración de produtos audiovisuais para a promoción da provincia, a difusión do labor da Deputación ou a proxección de iniciativas dos lucenses durante o confinamento

O alumnado do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo segue a súa formación durante a suspensión das clases presenciais por mor da crise sanitaria do Covid-19. Para poñer en práctica os seus coñecementos, están a levar a cabo iniciativas innovadoras como as Conversas Audiovisuais dende a Casa, nas que entrevistan en directo a profesionais do audiovisual galego.

Os estudantes de Primeiro de Realización son os encargados destes encontros, que se emiten en directo de luns a xoves ás 18:30 horas a través de Instagram (https://www.instagram.com/conversasaudiovisuais/). Unha vez rematada a conversa, e baixo a supervisión dos docentes, editan o material para a súa publicación noutras plataformas como Facebook e YouTube. Esta práctica forma parte do módulo de Planificación de Realización en TV, e conta coa colaboración dos docentes dos módulos de Edición e Postprodución, e de Medios Técnicos.

Traballo en equipo
Este formato permite, por unha banda, o traballo en equipo, xa que os alumnos manteñen reunións a través da plataforma Zoom. De igual xeito que nun programa de entrevistas en televisión, os estudantes deciden os invitados, redactan o guión e deseñan a campaña de promoción. Despois da emisión en directo, encárganse da edición dos vídeos para os stories e a súa publicación en Facebook e YouTube.

Por outra banda, grazas a esta actividade coñecen de primeira man a experiencia de profesionais en activo do sector audiovisual galego, a maioría exalumnos do Centro de Formación Audiovisual incorporados ao mundo laboral. Os invitados desta semana son: o luns, 11 de maio, Bruno Pena, director de produción en Mediacrest Entertainmet, que na actualidade está gravando o concurso El Cazador para TVE; o martes, Begoña Pérez, que traballa en producións para programas de televisión como Álbum de Viaxe para a TVG; o mércores, Álex Gato, técnico de radio na Cadena Ser e membro do colectivo de artistas Galicia Army;  e o xoves, Paula Sinde, produtora en series como Hierro ou Auga Seca.

Actividade da Produtora durante o confinamento
Polo que se refire á Produtora do Servizo de Audiovisuais, mantén a súa actividade dende a declaración do estado de alarma. Está a elaborar diversos produtos audiovisuais que se publican nas redes sociais. A través destes traballos dáse difusión ao labor da Deputación durante a crise sanitaria. Ademais, desde o confinamento, o Servizo de Audiovisuais promociona a provincia a través da sección Descubrindo Lugo e dá proxección a numerosas actuacións solidarias ou de entretemento que os lucenses, a nivel individual ou colectivo, realizan desde as súas ventás ou nas redes. Tamén se emitiron vídeos nos que caras coñecidas do mundo lucense da cultura, o deporte, a gastronomía ou a ciencia contaban como estaban a pasar o confinamento e daban ánimo aos lucenses dende as súas casas. Por outra banda, o Centro de Produción Audiovisual está a colaborar na emisión dos plenos telemáticos dos  concellos.