Deputación de Lugo

O Presidente convoca o Pleno extraordinario para aprobar o Plan Único 2020 vía telemática

José Tomé Roca
Pleno Extraordinario
Imaxe deputación de lugo

O propio Presidente da Deputación chamou por teléfono aos voceiros da Corporación provincial para informalos da decisión, que adoptou unha vez examinado un auto ditado no día de onte polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de León que suspendeu un Pleno presencial nese municipio

“Tomamos esta medida por precaución e para garantir a aprobación do Plan Único para que os concellos conten o antes posible con estes importantes recursos económicos, de 21,3M€, tanto para facer fronte á crise do Covid-19, como para contribuír a reactivación económica e do mercado laboral”, explicou José Tomé

O mandatario provincial informou nunha Xunta de Voceiros das decisións de ámbito social e económico tomadas hasta o momento polo Goberno da Deputación para paliar o impacto do coronavirus, entre elas, a propia adaptación do Plan Único para que os concellos usen estes fondos para cubrir medidas sociais derivadas da crise sanitaria

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, informou este venres de que convocou para o vindeiro xoves 2 de abril, ás 11.00h, o Pleno extraordinario para aprobar o Plan Único 2020 vía telemática. O propio mandatario provincial chamou por teléfono esta mañá aos voceiros da Corporación provincial para informalos da decisión de celebrar a sesión plenaria por videoconferencia, unha medida que adoptou unha vez examinado un auto ditado no día de onte polo Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de León co que suspendeu o Pleno extraordinario presencial que estaba previsto neste municipio.

“Tomamos esta decisión por precaución e para garantir a continuidade do procedemento de tramitación do Plan Único para que os 67 concellos da provincia poidan contar o antes posible con estes importante recursos económicos, de 21,3M€, que, gracias á decisión deste Goberno, poderán usar para facer fronte a medidas sociais derivadas da crise do Covid-19, pero que son fundamentais tamén para axudar á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o Estado de  Alarma”, explicou o Presidente. O Plan Único repercutirá na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, o que favorecerá a recuperación do pulso das economías locais, do tecido empresarial e do mercado laboral.

José Tomé informou esta mañá na Xunta de Voceiros das medidas de ámbito social e económico adoptadas ata o momento polo Goberno provincial para facer fronte e paliar o impacto do Covid-19, entre elas, a propia adaptación das bases do Plan Único para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos e poder dedicar este importe a cubrir necesidades propiciadas polo coronavirus. 

Atendendo a esta situación, o Goberno provincial acordou tamén ampliar os prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo ao Plan Único. Así, amplíase un mes o prazo para a contratación, pasando a data límite do 30 de setembro ao 30 de outubro. 

Ademais de reorganizar a plantilla da Deputación para reducir ao mínimo imprescindible a presenza de traballadores e traballadoras nas dependencias e servizos provinciais con traballo non presencial a atención telefónica e quendas mantendo as funcións da Administración para seguir dando servizo á cidadanía e aos concellos, o Goberno provincial adoptou decisións de carácter social e económico para paliar o impacto desta crise, como a de suspender todos os prazos de tramitación dos procedementos da institución; priorizar o pago a provedores da institución para inxectar liquidez nas empresas e contribuír deste xeito a que poidan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade, ou a de reforzar o servizo de teleasistencia domiciliaria para facilitar información e recomendacións aos máis de 1.300 usuarios e usuarias.