Deputación de Lugo
Emprego

A Deputación resolve o contrato coa empresa de limpeza e encarga o servizo a Tragsa garantindo os seus 32 empregos

O Presidente informou hoxe ás traballadoras e traballadores de que a Xunta de Goberno aprobará mañá ambos acordos, que aseguran a prestación do servizo e os dereitos salariais e laborais da plantilla despois de que a adxudicataria incumprise obrigas esenciais do contrato como o abono de salarios

Tragsa, medio propio da Deputación dende que entrou o pasado decembro no seu accionariado, farase cargo das labores de limpeza de dependencias provinciais de maneira provisional, durante 6 meses, mentres a institución desenvolve a tramitación dun novo concurso para adxudicar outra vez o contrato

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto coa Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, mantivo este xoves na Sala de Xuntas un encontro coas traballadoras e traballadores do servizo de limpeza das dependencias provinciais para informarlles de que a Xunta de Goberno aprobará mañá venres a resolución do contrato coa empresa adxudicataria do servizo, Tempo Facility Services SL, debido ao incumprimento de obrigas esenciais como o abono de salarios, así como o encargo do mesmo con carácter provisional á empresa pública Tragsa garantindo a continuidade dos 32 postos de traballo.

Estas decisións aseguran a prestación do servizo e a estabilidade e os dereitos salariais e laborais da plantilla. A resolución do contrato terá efectos dende o 11 de marzo e o encargo a Tragsa terá vigor dende o día 12.

José Tomé explicoulles ás empregadas e empregados que o encargo a Tragsa leva consigo a súa subrogación á empresa pública, co cal se garanten a totalidade dos 32 empregos e mantéñense tamén as súas condicións salariais e laborais, tal e como se comprometera o propio Presidente coas traballadoras.

Tragsa, medio propio da Deputación dende que entrou o pasado decembro no seu accionariado, farase cargo da limpeza de dependencias provinciais de maneira provisional, mentres a institución desenvolve a tramitación dun novo concurso para adxudicar outra vez o contrato. A duración prevista da encomenda é, deste xeito, de 6 meses, por un importe económico de 404.336,14€.

A Xunta de Goberno acordou o día 31 de xaneiro iniciar o procedemento de resolución do contrato, un proceso que concluirá mañá co acordo do Executivo de extinguir a relación contractual con esta firma, que leva consigo a incautación da garantía, de 98.894,97€.

Este novo paso dado pola institución provincial para garantir a prestación do servizo de limpeza e a estabilidade e os dereitossalariais e laborais da plantillaprodúcese despois de que o Goberno actuase con rapidez e rigor a finais do pasado ano para que as traballadoras puidesen cobrar os soldos que lles adebedaba a empresa –dous meses do 2019 e a paga extra de decembro-. Para iso, mediou coa adxudicataria para acordar unha cesión de crédito ás traballadoras, de xeito que o importe das facturasabonadas pola Deputación polo servizo van directamente para as empregadas, na cantidade correspondente aos seus salarios. Con este mecanismo, non só cobraron as dúas nóminas e a paga extra de decembro, senón que hoxe mesmo lles foi ingresado o importe do soldo de xaneiro e a Deputación está a facer a tramitación para que perciban o de febreiro.