Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación dinamiza a economía da montaña colaborando coa Feira do Butelo da Fonsagrada

turismo
gastronomía
Concello da Fonsagrada
A Deputación dinamiza a economía da montaña colaborando coa Feira do Butelo da Fonsagrada
Declarada de Interese Turístico, a cita gastronómica celebrarase esta fin de semana, 15 e 16 de febreiro, e conta cunha axuda provincial de 6.000 euros

Pilar García Porto destacou que se trata “dunha cita que axuda a reforzar as nosas raíces e a nosa cultura” e que se diferencia por ser unha experiencia única da provincia

A Deputación de Lugo axudará a dinamizar a economía da montaña, colaborando coa Feira do Butelo da Fonsagrada. A institución provincial, que achega 6.000 euros á cita gastronómica declarada de Interese Turístico, acolleu este mércores a presentación  do evento, que se celebrará o sábado 15 e o domingo 16 de febreiro na Praza do Concello do municipio fonsagradino. A Deputada de Turismo, Pilar García Porto, que estivo acompañada polo Alcalde da localidade, Carlos López, destacou que se trata “dunha cita que axuda a reforzar as nosas raíces e a nosa cultura” e que se diferencia por ser unha experiencia única da provincia lucense.

López explicou que se instalarán 63 postos de venta de produtos cárnicos e que estarán representadas as tres industrias da Fonsagrada dedicadas a este embutido da montaña. A carpa, instalada na Praza do Concello, abrirá o 15 e o 16 de febreiro de 10.00 a 20.00 horas. O domingo, ás 12.30 horas, actuará o grupo de música tradicional Illa Pancha e ás 13.00 horas será a entrega da distinción Butelo de Ouro, que este ano recae en Gumersindo Rego Fernández; ás 13.30 horas terá lugar actuación da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros.

“Esta é unha iniciativa que encaixa perfectamente co turismo de experiencias que dende hai tempo promocionamos dende a Deputación de Lugo. Algo único, que só temos aquí e que nos diferencia cara os visitantes”, dixo Pilar García Porto. Está previsto que durante a fin de semana se vendan na Fonsagrada uns 5.000 quilos de produtos cárnicos e o Rexedor confirmou que están completas as reservas hostaleiras na localidade.