Deputación de Lugo

O Servizo de Audiovisuais da Deputación emite en directo o Lucus Intercentros desde o IES Muralla Romana

Pablo Rivera Capón
IES Muralla Romana
Lucus Intercentros
Entrega de premios do concurso Lucus Intercentros.IMG01
Alumnos e alumnas de 2º de realización do Centro de Formación do SdeA, supervisados por docentes e técnicos, encargáronse do streaming como práctica nun escenario real

O IES Sanxillao gañou a novena edición deste concurso no que competiron os sete institutos da capital lucense

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou na entrega de premios do certame que organizaron o profesorado e o alumnado de Administración e Xestión do Muralla Romana

O Servizo de Audiovisuais da Deputación emitiu en directo a través de Youtube o concurso Lucus Intercentros celebrado este venres no IES Muralla Romana. Unha ducia de alumnos e alumnas do Centro de Formación do SdeA, supervisados por un docente e varios técnicos, foron os encargados de realizar o streaming do evento, no que competiron estudantes de 1º de BAC dos sete institutos da capital lucense.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou na entrega de premios desta novena edición, na que resultou gañador o equipo do IES Sanxillao. O segundo posto foi para o IES Leiras Pulpeiro tras unha disputada final.  En terceiro lugar quedou o IES Lucus Augusti e o IES Xoán Montes foi cuarto. Repartíronse tabletas, pulseiras de actividade e altofalantes bluetooth.

Prácticas en escenarios reais
Na realización do streaming os alumnos e alumnas do SdeA empregaron catro cámaras e todo o material preciso para a transmisión do evento a través de Internet. Os estudantes rotaron polos distintos postos, desde realizador e mesturador de vídeo e son, ata operador de cámara, co obxectivo de aproveitar ao máximo esta práctica formativa.

Por outra banda, a organización do concurso Lucus Intercentros tamén serviu de práctica aos estudantes de Administración e Xestión do Muralla Roma. Trátase dun certame de preguntas e respostas sobre contidos propios de 1º de BAC, no que compiten equipos formados por tres alumnos. Hay dez bloques sobre distintas materias, que van desde a actualidade económica, política e social, ata a arte o deporte ou a xeografía. Ademais do SdeA tamén colaboraron o CIFP Politécnico e a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.