Cultura
Deputación de Lugo

O escritor Paco Martín e o historiador Ramón Villares comparten o Premio Otero Pedrayo 2019

PREMIO OTERO PEDRAYO
ÁREA DE CULTURA
RAMÓN VILLARES
PACO MARTÍN
O fallo deuse a coñecer tras a reunión mantida esta tarde polo xurado na Deputación de Lugo, encargada de organizar esta edición do galardón

A entrega do Premio será o vindeiro 20 de decembro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos

O xurado acordou por unanimidade outorgar o Premio Otero Pedrayo 2019 ao historiador Ramón Villares e ao escritor Paco Martín ex aequeo. O fallo coñeceuse tras a reunión mantida esta tarde na Sala de Xuntas da Deputación de Lugo, que se encargou de organizar o galardón nesta edición.

A área de Cultura da Deputación de Lugo presentou a candidatura do escritor lucense mentras que a Deputación de Ourense e a Fundación Otero Pedrayo presentaron a do historiador chairego.  A Asociación Oral de Galicia, de Vigo, presentou a candidatura do filólogo e estudoso da literatura de tradición oral Domingo Blanco.

Os galardoados repartirán os 16.000 euros cos que está dotado o premio que ten por obxecto recoñecer e homenaxear "persoas ou entidades egrexias no campo das letras e do coñecemento" e promocionar "os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e a mellora da súa cidadanía e institucións".

O Premio Otero Pedrayo recae en dúas persoas por segundo ano consecutivo. En 2018, compartírono a pedagoga Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán.

Composición do xurado

O xurado está composto por representantes da Xunta de Galicia, das catro deputacións provinciais, das tres universidades, da Real Academia Galega, do Instituto Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo. O secretario xeral de Cultura Anxo Lourenzo e a vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro exerceron como presidente e vicepresidenta do xurado.

Acto de entrega

Paco Martín e Ramón Villares recibirán o Premio Otero Pedrayo o vindeiro 20 de decembro no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Os premiados

Paco Martín é un dos autores de referencia da literatura infantil e xuvenil en galego, posición na que se situou coa publicación de "Das cousas de Ramón Lamote", título traducido a varios idiomas e polo que foi
recoñecido internacionalmente. O seu último título, publicado este mesmo ano, é "O home que comprou un libro".

A súa traxectoria na literatura foi parella á súa actividade como docente na que destacou como promotor de movementos de renovación pedagóxica como Nova Escola Galega e da elaboración de materiais
didácticos en galego. 

Catedrático de Historia Contemporánea, Ramón Villares é autor de numerosas investigacións e publicacións de historia agraria, cultural e política, ademais dun recoñecido estudoso da obra de Otero Pedrayo.

En 2006, ingresou na Real Academia Galega cun discurso arredor da traxectoria do escritor ourensán, que retomou recentemente co ensaio "Fuga e retorno de Adrián Solovio" (Galaxia, 2018).

O historiador chairego, que foi reitor da Universidade de Santiago entre 1990 e 1994, ocupou a presidencia do Consello da Cultura Galega desde 2006 ata 2018.