Cultura
Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente da Deputación reivindica o rural lucense na estrea nacional de O que arde de Oliver Laxe en Navia de Suarna

José Tomé Roca
Oliver Laxe
O que Arde
Ancares Lucenses
Navia de Suarna
Oliver Laxe na estrea de O que Arde
Centos de persoas asisten á proxección da película na praza do Concello coa presenza do director e dos protagonistas, Benedicta Sánchez e Amador Arias

José Tomé destacou o apoio da Deputación e da TIC a este filme “que pon en valor o noso rural, dá proxección mundial aos Ancares e sitúa á provincia de Lugo no mapa internacional do cine”

O máximo responsable provincial dixo que “os lucenses nos sentimos orgullosos desta longa, rodada na nosa terra, na nosa lingua, con actores de aquí e cun director que é un dos nosos”

Alumnos do SdeA participaron na organización da gala de presentación da película que se estreará nas salas comerciais de España o 11 de outubro

O Presidente da Deputación, José Tomé, asistiu este domingo en Navia de Suarna á estrea en España de O que arde, a película de Oliver Laxe gañadora do premio Unha certa mirada no Festival de Cannes e que está preseleccionada aos Premios do Cine Europeo. Tomé dixo que “a Deputación e a Fundación TIC, o actual Servizo de Audiovisuais, apostamos desde o primeiro momento por esta longametraxe, da que os lucenses nos sentimos moi orgullosos porque foi rodada na nosa terra, na nosa lingua, con actores de aquí e cun director que é un dos nosos. Este filme é unha boa proba de que o talento non ten fronteiras nin idiomas”. 

Centos de persoas asistiron á proxección, que tivo lugar na praza do Concello coa presenza do director e dos protagonistas, Benedicta Sánchez e Amador Arias. Tamén estiveron a Vicepresidenta da Deputación, Tareixa Ferreiro, os Deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e de Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Alcalde de Navia, José Fernández, entre outras autoridades.

Alumnos do Centro de Formación do SdeA, baixo a supervisión de auxiliares de produción e realización que colaboraron na rodaxe da película, participaron na organización da gala e fixeron fotos no photocall. Ademais, antes da estrea proxectouse o vídeo Ancares Reserva da Biosfera, elaborado coa dirección Laxe.

Escaparate dos Ancares no mundo
José Tomé subliñou o protagonismo dos Ancares e do rural en O que arde. “Oliver Laxe amósanos o mundo da Montaña Lucense cunha mirada cargada de sensibilidade. Pero o rural galego pasa por momentos moi difíciles. É responsabilidade das administracións, cada unha dentro das súas competencias, traballar polo seu presente e o seu futuro. Pero tamén son necesarias iniciativas como a de Oliver, que lle dean vida e que creen valor engadido”, apuntou.

Neste senso, dixo que “O que arde é un escaparate excepcional para a promoción turística de Lugo. O apoio da Deputación á película foi un investimento, polas repercusións económicas e a xeración de emprego directo durante a rodaxe, e tamén pola proxección en todo o mundo que se lle dá agora a nosa provincia”.

A Deputación co audiovisual
O máximo responsable provincial tamén destacou o filme como foco de atracción para novos proxectos audiovisuais. “Esta película sitúanos no mapa cinematográfico internacional. Por iso, desde a institución que presido seguiremos traballando por converter a nosa provincia nun plató de cine e apoiaremos, dentro das nosas posibilidades, a produtoras que elixan Lugo para as súas rodaxes”.  

Por outra banda, Tomé destacou a grande oportunidade que supuxo a película para o alumnado do Centro de Formación Audiovisual. “Houbo encontros con Oliver Laxe e con outros membros do equipo, algúns deles abertos á cidadanía. Os alumnos tamén puideron participar no casting e na gravación dos ensaios, e bolseiros e titulados traballaron na rodaxe como auxiliares de produción. Ademais, Benedicta Sánchez e Amador Arias ensaiaron na nosa Escola. Poderiamos dicir que pasaron das nosas aulas a brillar coas súas interpretacións en Cannes”.

Oliver Laxe: un director que fixo historia
Olive Laxe debutou como director de longas en 2010 con Todos vós sodes capitáns, que conseguiu o premio Fipresci de Cannes. Regresou ao festival seis anos despois coa súa segunda película, Mimosas, que tamén foi galardoado, neste caso co Gran Premio da Semana da Crítica, e en 2019, gañou a sección Unha certa mirada con O que arde, que se estreará o 11 de outubro nas salas comerciais de España.