Deputación de Lugo
Turismo

A provincia de Lugo saca músculo en Termatalia ante touroperadores especializados de máis de 30 países

José Tomé Roca
Pilar García Porto
termatalia
Termatalia
O Presidente da Deputación puxo en valor a tradición termal e a numerosa oferta dos concellos lucenses nun foro no que participan preto de 300 expositores e están representados máis de 30 países, con masiva presenza de América Latina e Europa

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, salientou a importancia de establecer contactos que logo se materialicen nun incremento de visitas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentaron na 19ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia, a riqueza termal coa que conta a provincia. Este foro ten un programa de dous días – arrancou hoxe – e celébrase no recinto feiral de Expourense, ubicado na cidade das Burgas.

A participación do organismo provincial en Termatalia enmárcase dentro da política de promoción e reforzo da presenza de Lugo en grandes citas que axuden a dar a coñecer as potencialidades turísticas da provincia. Nesta ocasión, Lugo reafirma a súa tradición termal nesta feira na que participan preto de 300 expositores, 30 touroperadores e máis de 30 países representados, con masiva presenza de América Latina e de Europa, incorporando tamén o Norte de África e Asia-Pacífico. 

Na súa intervención, o titular provincial, fixo fincapé na enorme oferta turística que o visitante pode atopar neste eido, sen perder de vista a gran tradición termal que atesouran numerosas zonas rurais ricas en augas mineiromediciais. Con estas puntas de lanza, os representantes da Deputación presentes en Expourense estableceron lazos e contactos con profesionais especializados para lograr que se materialicen nun incremento de distinción e reputación de Lugo.

“Temos que incidir na importancia que ten para nós estar aquí, xa que se establece unha sinerxía perfecta entre o negocio, a formación e a divulgación, a través dun programa completo de actividades profesionais nas que queda patente a necesidade da cooperación público-privada para o desenvolvemento do Turismo Termal e do Benestar a todos os niveis”, sinalou a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo.

García Porto engadiu que é moi importante dar a coñecer a diversidade da provincia. “Temos a materia prima, traballamos cada día por ofrecer os tesouros da provincia do mellor xeito posible e só nos queda reafirmarlle ao mundo que somos garantía de calidade”.   

Termatalia