Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación impulsa unha rede profesional para potenciar Os Ancares e O Courel como destino de turismo científico

Turismo científico
turismo
Pilar García Porto
Ancares
Courel
Presentación da Rede profesional de Turismo Científico dos Ancares e O Courel
Estará formada polos 16 concellos da provincia deste espazo natural, universidades, administracións encargadas do deseño de políticas turísticas, empresas de turismo, fundacións e investigadores vinculados ao turismo científico deste territorio

García Porto subliñou que, con esta iniciativa, “damos un paso máis e impulsamos unha plataforma de cooperación e deseño de novas estratexias que posicionen as Montañas de Ancares e Courel como destino turístico diferenciado”

Para favorecer a participación dos axentes, esta rede contará cun foro dixital no que poderán debater temas e propostas e recoller as opinións dos participantes

A  Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, acompañada da directora de Observer Science Tourism, Maite Vence Fernández, presentou este mércores no Salón de Actos da Deputación a creación dunha Rede Profesional de Turismo Científico para o territorio dos Ancares e O Courel co fin de continuar impulsando novas iniciativas turísticas vinculadas á ciencia neste espazo natural da provincia. 

García Porto subliñou que “na Deputación damos un paso máis para fomentar un turismo sostible nas Montañas de Ancares e Courel e impulsamos esta rede co obxectivo de que sexa unha plataforma de difusión, cooperación, deseño e planificación de novas estratexias que posicionen esta zona da provincia de Lugo como un destino turístico diferenciado, baseado na sustentabilidade, e vinculado ao turismo de natureza e á ciencia cidadá”.

Estará formada polos 16 concellos da provincia deste espazo natural, universidades, administracións encargadas da planificación e deseño de políticas turísticas, xestores públicos e tamén empresas de turismo, fundacións e investigadores, entre outros, vinculados ao turismo científico deste territorio. Para favorecer a participación destes axentes na rede, debater temas e propostas e recoller as opinións dos participantes crearase un foro dixital. 

Con esta nova iniciativa, o Goberno Provincial continúa desenvolvendo actuacións que reforzan a oferta turística da provincia e posicionan Os Ancares e O Courel como un destino turístico diferenciado, baseado na sustentabilidade, e vinculado ao turismo de natureza e á ciencia cidadá.

10 accións para crear un destino de Turismo Científico nos Ancares e O Courel 

No marco do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo 2017-2020 enmarcouse a creación dun ecosistema integrado de Turismo Científico nos Ancares e Courel que iniciou a Deputación en agosto de 2018 cunha achega de case 70.000 euros.  Froito desta iniciativa, as Montañas dos Ancares e O Courel recibiron a certificación Espazo Observer Turismo Científico que avala o potencial deste espazo natural como reserva científica. Este tipo de turismo vencellado á ciencia supón un motor de desenvolvemento económico cun importante efecto multiplicador para os concellos que integran o territorio.

A Rede Profesional de Turismo Científico para o territorio dos Ancares e O Courel é unha das 10 accións que está a desenvolver a Deputación para potenciar un turismo de natureza diferenciado na provincia e atraer máis visitantes.

Entre as accións rematadas neste último ano, ofreceuse formación para capacitar a 25 persoas como guías de turismo científico a través de formación específica; organizouse a I Xornada de Turismo Científico e tamén 6 actividades e rutas nestes espazos naturais sobre xeoloxía, fauna ou astronomía abertas a todo o público. 

Para a difusión e promoción deste territorio creouse un vídeo promocional dos valores naturais deste destino de turismo científico e tamén unha guía dixital de roteiros con 50 puntos de interese e con 5 itinerarios diferentes sobre Xeoloxía, Botánica, Ecoloxía, Zooloxía e Arqueoloxía que xa está dispoñible para a súa descarga na web da Deputación de Lugo. 

Ademais, están a rematarse os traballos para a sinalización no terreo dos 5 itinerarios científicos con paneis explicativos e tecnoloxía para obter información no móbil. Tamén estará dispoñible unha nova web e unha APP descargable con toda a información necesaria para que os visitantes poidan coñecer e percorrer os recursos científicos, naturais, culturais máis relevantes deste territorio.