Cultura
Deputación de Lugo

O Museo Provincial acolle, durante o Arde Lucus, unha programación centrada na arqueoloxía

Museo Provincial
arde lucus
Arqueoloxía
O Museo Provincial acolle, durante o Arde Lucus, unha programación centrada na arqueoloxía

A Rede Museística Provincial organiza este venres, 14 de xuño, ás 19:00 horas no Museo Provincial, a conferencia Pegadas esquecidas de Roma en Lucus Augusti impartida polo arqueólogo Enrique Alcorta, coincidindo coa celebración do Arde Lucus. Ademais a partir do 14 de xuño poderá visitarse no Refectorio do Museo Provincial de Lugo a 4ª parte, e derradeira, dos Percorridos pola colección numismática do Museo Provincial de Lugo, nesta ocasión dedicada á Moeda estranxeira.

Pegadas esquecidas de Roma en Lucus Augusti


A xornada arqueolóxica súmase á primeira edición das Xornadas Europeas de Arqueloxía, nas que hai máis de 200 actividades programadas por distintos países de Europa os días 14, 15 e 16 de xuño. Nesta conferencia abordaranse cuestións arqueolóxicas relacionadas coas labores de catalogación informatizada dos materiais existentes nas zonas de reserva do Museo Provincial de Lugo. Estas deron a coñecer elementos latericios, en concreto uns bipedales que basicamente destacan por presentar pegadas (icnitas) de sandalias romanas deixadas probablemente polos mesmos artesáns que realizaban as pezas, así como outras de animais.

Moeda Estranxeira


A mostra encádrase dentro do programa de investigación coordinado pola dirección e realizado polo Departamento de Arqueoloxía/Historia e do proxecto Percorridos pola colección numismática do Museo Provincial de Lugo, que comezou en 2016 coa serie de  moeda hispánica antiga. Amosaranse un total de 14 paneis organizadas por continentes con representacións de moedas de máis de 70 países. Así mesmo, en vitrina, poderase ver unha escolma da colección de moeda estranxeira doada en 1937 pola familia do escritor e médico lucense Xermán Alonso Hortas, falecido nese mesmo ano, como homenaxe aos benfeitores e doadores deste museo. Estará dispoñible, de xeito totalmente gratuíto ata o 21 de xullo.