Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Sarria acollerá a 22º edición dos Xogos Autonómicos de Special Olympics cos que colabora a Deputación

Sarria
Special Olympics
22ª edición dos Xogos Autonómicos de Special Olympics
Nesta nova competición atlética participarán 239 deportistas con discapacidade intelectual de 17 asociacións de toda Galicia. Celebrarase en Sarria o 4 de maio

O Goberno Provincial colabora coa organizadora destes xogos, a asociación Special Olympics Galicia, fomentando actuacións que promovan a súa inclusión social das persoas con discapacidade intelectual

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, participou na presentación da 22º edición dos Xogos Autonómicos de Campo a Través e Petanca de Special Olympics Galicia xunto a Alcaldesa do Concello de Sarria, María Pilar López Yáñez, o Presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez, e o Director do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Sarria, Luis Pardo. Trátase dunha competición atlética que reunirá no Pavillón Novo de Sarria, o sábado 4 de maio, a un total de 366 persoas entre atletas, adestradores, voluntarios e organización.

A asociación Special Olympics Galicia traballa para promover a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte e do ocio. O Goberno provincial colabora con esta asociación fomentando actuacións que redunden na mellora da calidade de vida deste colectivo.

Nesta nova edición dos Xogos Autonómicos participarán 239 deportistas con discapacidade intelectual de 17 asociacións de toda Galicia, que estarán acompañados por 52 adestradores. O CAPD SARRIA, que exercerá de anfitrión, participará cun total de 22 deportistas e 10 adestradores. Para organizar esta 22ª Edición dos Xogos, Special Olympics Galicia tamén contou coa colaboración de FADEMGA.

Celebración dos Xogos
A celebración destes Xogos segue o cerimonial das celebracións das Olimpíadas. Os deportistas das 17 asociacións participantes desfilarán ante os presentes. Posteriormente un deportista do CAPD SARRIA lerá o lema dos deportistas de Special Olympics “Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento”.

A inauguración oficial dos Xogos será ás 10.45 horas, coa presenza de representantes do Concello de Sarria e de integrantes da Xunta Directiva do CAPD SARRIA, da Xunta Directiva de FADEMGA Plena inclusión Galicia e de Special Olympics Galicia. Ás 12:00 da mañá, despois da inauguración, comezarán as probas, que terán lugar durante todo o día, ata ás 19:00 h. da tarde.

Os xogos de campo a través seguirán as regras básicas dos eventos deportivos organizados por Special Olympics. Establecen tres niveis de participación en función dos coñecementos que os deportistas teñen das regras así como das súas capacidades físicas. Organizaranse probas adaptadas e os atletas competirán en Nivel I (alto), Nivel II (intermedio) e Nivel III (básico).

Ambas modalidades, campo a través e petanca, contarán coa celebración de probas unificadas, un programa que combina atletas con discapacidade intelectual con atletas sen discapacidade en deportes de equipo. O Deporte Unificado é o maior exemplo para fomentar a inclusión dos atletas a través do deporte, pois a participación de deportistas con e sen discapacidade é a mellor mostra das posibilidades que ofrece o deporte como ferramenta de integración social.