Deputación de Lugo
Medio ambiente

A tecnoloxía da semente do millo de forraxe, a debate nunhas xornadas do CETAL e Deputación

millo de forraxe
CETAL
A tecnoloxía da semente do millo de forraxe, a debate nunhas xornadas do CETAL e Deputación
Trátanse dunha iniciativa formativa que tivo lugar na Granxa Gayoso Castro, na que se amosaron as novas tecnoloxías na semente do millo forraxeiro a agricultores, gandeiros e cooperativas da provincia.

Campos Conde destacou que “o impulso do sector pasa pola necesaria modernización das aplicacións, sistemas de xestión e a maquinaria agrícola, que permita avanzar ao sector, facelo máis competitivo e tamén mellorar a calidade de vida dos produtores”

Na xornada houbo demostracións en vivo da nova maquinaria coa que realizar a semente do millo forraxeiro cunha maior eficiencia; presentacións de novos programas informáticos para a semente, ou maquinaria de alta velocidade

O Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Director do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL), Javier Bueno Lema, xunto ao Representante de ABANCA, Jesús Combarros, inauguraron este martes unha xornada formativa dirixida a gandeiros, agricultores, e traballadores do sector primario en xeral, sobre as novas tecnoloxías e no eido da semente do millo forraxeiro, un dos principais alimentos das ganderías de vacún de leite da comunidade galega. Trátase dunha iniciativa que organiza o CETAL en colaboración coa Deputación e que se desenvolve nas instalacións do Centro de Recría Gayoso Castro.

Campos Conde destacou que “dende a Deputación, defendemos que o rural da provincia é, en si mesmo, un gran potencial de xeración económica, de emprego e riqueza na provincia, por iso decidimos pór marcha multitude de iniciativas coas que xerar novas oportunidades no rural. Exemplo disto son o Centro de Recría, que construímos en solitario e que acolle hoxe en día máis de 700 animais de 50 explotacións lucenses, dirixido a mellorar o sector lácteo, facelo máis competitivo e facilitar a vida dos profesionais do sector lácteo; a Granxa Experimental do Campus Terra, un proxecto que deseñamos dende a Deputación en colaboración con Javier Bueno, que está en construción e que será un centro de investigación sobre a produción leiteira, ou a liña de recuperación de terras abandonadas, coa que máis de 350 gandeiros da provincia recuperaron 1.900 hectáreas de terreos baldíos que hoxe están en produción, entre outros”.

O Presidente destacou que “o impulso do sector pasa pola necesaria modernización das aplicacións, sistemas de xestión e a maquinaria agrícola, que permita avanzar ao sector, facelo máis competitivo e mellorar a calidade de vida dos produtores. Os novos programas informáticos e maquinaria que hoxe se presentan aquí van axudar a optimizar as producións agrícolas”.

Xornadas sobre millo forraxeiro


As xornadas que organiza CETEL e Deputación contaron coa participación de catro empresas: Dekalb España, Agrícola Noroeste, The Climate Corporation y John Deere que explicaron e fixeron demostracións reais da tecnoloxía máis moderna que permiten realizar a semente do millo forraxeiro cunha maior eficiencia. Estes avances en I+D+i permiten optimizar o potencial produtivo das variedades de millo empregadas segundo as condicións do chan e o clima da parcela na que se implanta o cultivo.  

As sementes supoñen un dos custos mais importantes para o agricultor e estas novas tecnoloxías permiten optimizalas para acadar un máximo rendemento na produción. Concretamente, Marcial Costoya e Anna Pedrós de Dekalb España amosaron un programa informático, que permite adaptar a densidade de sembra ao híbrido de millo e o potencial produtivo do chan. Esta tecnoloxía permite realizar as prescricións de semente e programar e axustar doses variables de sementes en función das distintas zonas da parcela.

Este programa informático, ao estar conectado coa maquina de sementar, permiti que esta vaia dosificando a sementes e depositándoas en cantidades diferentes en función da zona da parcela pola que pase. A maquina de sementar vai gardando as doses o cal favorece evitar desperdicios de sementes por pases dobres nunha mesma zona da parcela.

Ignacio Bañuls e Ricard Borrell da compañía The Climate Corporation presentaron a ferramenta informática Climate FieldView que axuda a xestionar toda a información que se emprega para planificar a semente e facer seguimento en tempo real analizando tamén os datos obtidos.

Ramón Barreiro de Agrícola Noroeste y John Deere, deu conta sobre a novidosa maquina de sementar millo 1725 NT de oito corpos, que permite facelo a alta velocidade (ata 16 km/h), con doses variable e realizando control de tramos para optimizar a superficie sementada. Esta velocidade é a dobre dunha sementadora convencional o que permite a empresas e cooperativas aforrar custes de persoal ou ter que mercar unha segunda sementadora. Resulta especialmente interesante para o territorio galego pola súa inestable climatoloxía xa que gracias a súa rapidez para facer o proceso de semente permite controlar con maior precisión os tempos de traballo previstos para rematar o proceso de semente antes de que cambie ou empeore o tempo que impide sementar.

Tras a explicación das principais características desta maquina de sementar de dobre velocidade e o tractor no que se engancha, realizouse unha demostración real no campo, onde os asistentes a estas xornadas puideron ver na práctica todos os aspectos explicados previamente polas empresas participantes.