Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O centro de día público para maiores de Ribeira de Piquín comeza a funcionar o 1 de abril

benestar social
centro de día
darío campos
Centro de día da Ribeira de Piquín
- Máis de 60 veciños do municipio participaron ata o momento nas xornadas de portas abertas e coñeceron de primeira man as instalacións e os servizos do seu centro de día
- Sitúase na antiga escola do Chao do Pousadoiro que estaba en desuso, rehabilitada e equipada con 300.000 euros de Deputación e Concello
- Os veciños de Ribeira de Piquín teñen prioridade de acceso. O custo da praza vai en función da capacidade económica do usuario, grao de dependencia e servizos necesarios
- O prezo máximo -que sería para un veciño con pensión media, gran dependente e que necesita todas as prestacións, transporte, almorzo, xantar e merenda-, é de 400 euros – A xestión do centro é municipal coa colaboración económica do organismo provincial. Taxistas e establecementos de Ribeira de Piquín encárganse do transporte e das comidas
- A semana próxima ábrese a solicitude tras estas xornadas e 100 visitas domiciliarios a posibles usuarios deste Concello, no que o 50% da poboación supera os 65 anos

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, e a Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, mantiveron este xoves un encontro con maiores deste Concello. Fixérono durante a xornada de hoxe de portas abertas ao centro de día. E é que durante estes días os veciños están a coñecer de primeira man as instalacións e os servizos que ofrece esta dotación social ante a súa inminente posta en funcionamento o vindeiro 1 de abril.

É o 1º centro de día que existe en Ribeira de Piquín. Sitúase na antiga escola do Chao do Pousadoiro, inmoble que estaba en desuso e que o Alcalde decidiu recuperar e darlle un uso público e social en beneficio dos seus veciños.

Deputación e Concello investiron 300.000 euros nas obras de transformación e na adquisición do equipamento necesario. Na elaboración do regulamento, estableceu que os veciños de Ribeira de Piquín teñan prioridade de acceso.  Na ordenanza fiscal, fixouse que o prezo se determine en base á capacidade económica de cada maior, o seu grao de dependencia e os específicos servizos que requira. En función destes baremos, estableceuse un prezo máximo de 400 euros, que sería o que lle custaría a un veciño cunha pensión media, catalogado como gran dependente (é o grao máximo) e que necesita todos os servizos sociais dispoñibles, transporte, almorzo, xantar e merenda.

Taxistas e establecementos de Ribeira de Piquín encárganse do transporte e comidas
A xestión do centro de día é municipal e conta coa colaboración económica da Deputación. Todos os seus traballadores son do Concellos. Taxistas e establecementos de Ribeira de Piquín encárganse do servizo de transporte dos usuarios (ida e volta) e das comidas (almorzo, xantar e merenda). Así se estableceu para tentar contribuír á dinamización da economía local.

100 visitas domiciliarias
O centro de día ten recoñecidas 24 prazas en xornada completa. O número de usuarios pode ser maior. De feito, así se prevé pois hai maiores interesados en media xornada. Isto coñécese porque o Concello realizou 100 visitas domiciliarias a veciños de Ribeira de Piquín que son posibles usuarios. Técnicos municipais explicáronlles os servizos e valoráronlle o custe que tería este servizo, atendendo a súa situación física e persoal.

Ao longo desta semana, os interesados están a participar nas xornadas de portas abertas, coñecendo as instalacións e os servizos (rehabilitación, actividades de mantemento, talleres, comidas...). Foron máis de 60 os veciños que xa o fixeron.

A vindeira semana abrirase o prazo de solicitude e realizaranse os cuadrantes de transporte e menús para que o vindeiro 1 de abril o centro de día comece a funcionar cos seus primeiros usuarios.

Máis do 50% dos veciños de Ribeira de Piquín superan os 65 anos.

 

Centro de día da Ribeira de Piquín
Centro de día da Ribeira de Piquín